Ponteareas achega á veciñanza as aplicacións de Google e ao retoque fotográfico

luns, 17 de outubro do 2016 Redacción

O Concello de Ponteareas anunciou a semana pasada a organización de dúas actividades formativas para nais e pais relacionadas directamente coas tecnoloxías da información. Trátase dun curso sobre retoque fotográfico e outro sobre aplicacións de balde. Os obradoiros, que serán de balde, abren hoxe o mesmo cadanseu prazo de inscrición (até o día 25). Cada unha das actividades achegará un total de dez prazas.
Ambos os dous cursos desenvolveranse na aula CeMIT situada no Centro Social da rúa Oriente de 16.00 a 18.00 horas. O curso de retoque fotográfico comezará o mércores 2 de novembro, continuará o 9 e 16 do mesmo mes e rematará o 23. Deseguido, o curso de aplicacións de Google empezará o mércores 30 de novembro, seguirá o 14 e rematará o 21 de decembro.
Segundo informa o Concello, a primeira das actividades será un achegamento ao retoque fotográfico a través de procesos como a creación dun logotipo e fondo de pantalla, unha fotomontaxe, o enfoque e desenfoque, a coloración ou filtros básicos, entre outros temas. O segundo obradoiro, centrado en aplicacións de Google, introducirá aos aos asistentes na configuración de aplicacións de Google a través do correo, de Google Maps, Gmail, Google Docs, Google Drive ou Hangout, entre outros.

PUBLICIDADE