Ponteareas recreará virtualmente a celebración do Corpus e as alfombras florais

xoves, 7 de maio do 2020 S. P.

Ante a imposibilidade de desenvolver normalmente grandes festividades e acontecementos durante esta primavera, os nosos concellos están a envorcar esforzos en conseguir que a actividade siga viva nas redes. É o caso do Concello de Ponteareas, que puxo o foco no plano virtual ante a necesidade de dar seguimento aos festexos do Corpus e das súas alfombras florais. Así, malia que xa se anunciou que non se confeccionarán as tradicionais alfombras nos rueiros, si que está previsto realizar diferentes actividades ao abeiro dunha festividade que xa ten dous séculos de antigüidade. Faranse a través das redes sociais e dos medios de comunicación. “A nosa intención é que as alfombras cheguen a todas as partes do mundo a través das redes”, sinalou o Concello.
O alcalde Xosé Represas explicou que a celebración consistirá “nunha recreación virtual”, sendo as novas tecnoloxías e as canles de comunicación “a ferramenta para continuar co legado herdado dos e das nosas maiores”. Trátase, dixo, “dun xeito tamén de render homenaxe as e os alfombristas portadores desta tradición que lograron que Ponteareas sexa uha referencia mundial en Patrimonio Inmaterial”.
Nunha reunión mantida cos e coas representantes dos e das alfombristas e cos portavoces de tódolos grupos da Corporación acordouse realizar unha campaña de difusión do Corpus Christi local utilizando as redes sociais para continuar coa difusión “deste sinal de identidade” e “chegar a tódolos recunchos do mundo con imaxes, documentos e vídeos que deixen constancia da riqueza da nosa arte efémera”.
O alcalde de Ponteareas adiantou que o Concello asumirá de xeito íntegro a edición dunha publicación que “non será igual á tradicional revista Pregón pero que recollerá e promoverá esta fonda tradición cun enfoque distinto adaptado ás novas circunstancias”.
E engadiu: “Volveremos ter unha reunión quince días antes de Corpus para avaliar todas as posibilidades de difusión da festa e coñecer tamén as previsións da crise sanitaria”.

PUBLICIDADE