Popcorn Time estrea soporte para Chromecast

luns, 7 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Unha das variantes do proxecto Popcorn Time, que permite reproducir contidos audiovisuais a través da rede P2P BitTorrnet, a coñecida como Time4Popcorn, vén de chegar á súa versión Alpha 4.3, incorporando unha importante prestación que podería ser un dos grandes impulsores desta plataforma, pois inclúe compatibilidade co Chromecast de Google, facendo moi doado poder ver películas en alta definición no televisor sen ter que conectar o ordenador mediante cables (xa que a transmisión do vídeo realízase a través da rede doméstica).
Até o momento estamos ante unha versión pouco madura da aplicación que, por exemplo, non amosa os subtítulos no Chromecast (función moi importante dado que os contidos que forman parte do catálogo da aplicación están principalmente en inglés) pero resulta prometedor ver como avanza esta aplicación para Windows. As versións desta ferramenta para OS X e Android contan con menos prestacións e van evolucionando paseniñamente pero sen pausa, agardándose que o soporte de Chromecast chegue a Android esta mesma semana.
Os responsables de Time4Popcorn tamén agardan poder estrear versión para iOS no mes de agosto.

As versións móbiles de Popcorn Time integrarán en breve as novidades da versión para Windows

PUBLICIDADE