Portos achegará un servizo para outorgar por vía online prazas de amarre

xoves, 8 de outubro do 2020 S. P.

Na imaxe o porto deportivo de Sada

A entidade autonómica Portos de Galicia anunciou a apertura, en datas vindeiras, dun novo procedemento para outorgar por vía telemática prazas de amarre náuticas. O servizo abranguerá as instalacións que xestiona directamente o ente público e aquelas xestionadas a través dunha concesión privada pero nas que o organismo portuario é o encargado de adxudicar os amarres. O obxectivo de Portos é “dar avances en Administración Electrónica” e máis “na simplificación da tramitación administrativa”, buscando “prestar un servizo máis cómodo e eficiente aos usuarios dos portos autonómicos”.
A resolución aprobada pola presidenta do ente público, Susana Lenguas, entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e poderá ser consultada tamén na páxina web do ente público. A entidade explicou que será de aplicación ás instalacións menores, que dispoñen de prazas de pequena eslora –ata oito metros- nas que unicamente se presta o servizo de amarre, e ás instalacións de maior envergadura -portos deportivos- nas que se prestan diversos servizos a través dunha empresa ou entidade concesionaria.

PUBLICIDADE