Portos de Galicia prepara a posta en marcha da súa ferramenta de eAdministración

mércores, 7 de decembro do 2011 Redacción

Portos de Galicia informou este martes de que os traballos para a posta en marcha da plataforma tecnolóxica que mellorarán o seu servizo xa están entrando na súa recta final. Máis polo miúdo, trátase dun recurso de tramitación telemática destinada a acurtar a distancia entre a devandita entidade e a cidadanía galega, impulsando a comunicación coa sociedade e axilizando a xestión.
Nos vindeiros días, informa o ente público, adxudicarase o concurso para o mantemento e control desta administración en liña que, entre outras cousas, significará a posta en marcha da sede electrónica de Portos de Galicia e, en consecuencia, dun espazo virtual “que plasmará a actividade diaria da entidade e prestará gran parte dos servizos que agora se ofertan só de xeito presencial”.
Esta ferramenta insírese nun Plan de Sistemas de Tecnoloxías da Información recentemente elaborado polo ente público, co que se pretende “modernizar, innovar e adaptar a súa prestación de servizos á nova lexislación sobre acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos”, informa Portos.
Entre as actuacións máis destacadas do Plan de Sistemas atópase a creación desta sede electrónica que permitirá a comunicación telemática entre cidadáns, empresas e Portos de Galicia as 24 horas do día e os 7 días da semana. “A través de internet”, engádese, “poderán presentar e solicitar documentación oficial, presentar documentación para obtención de permisos ou asinar electronicamente documentos; comunicacións todas elas que terán a mesma validez que as realizadas de xeito presencial nas dependencias do ente, o que reducirá, para os usuarios que o desexen, a necesidade de desprazamentos para tramitacións”.

PUBLICIDADE