Premiado en Europa un proxecto da UVigo que facilita a aterraxe de drons en situacións de risco

mércores, 26 de outubro do 2016 Redacción

De esquerda a dereita Francisco Díaz-Otero (profesor UVigo); RosaEguizábal (directora Promoción Económica CZFV); Teresa Pedrosa (delegada do Estado no CZFV) e Manuel García Sánchez e Daniel Gómez Pérez (Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo)

O Círculo de Belas Artes de Madrid acolleu onte a entrega de premios do certame ESNC, patrocinado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e convocado anualmente a Axencia Espacial Europea (ESA), o Centro Aeroespacial Alemán (DLR) e o Ministerio alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais (BMVI). O xurado do certame recoñeceu como Mellor Proxecto Rexional a unha aplicación concibida por un docente e un investigador da Escola de Telecomunicacións de Vigo. A idea de negocio que resultou gañadora consiste nun sistema para axudar a aterrar drons en circunstancias desfavorábeis. O ESNC-Galileo Masters é un concurso europeo que traballa para potenciar o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite.
O proxecto da UVigo, titulado GNSS assisted drone landing system, recibirá agora un ano de incubación nun dos parques empresariais do Consorcio da Zona Franca de Vigo, que inclúe a asistencia no desenvolvemento do produto, acceso a expertos, estudos de mercado e orientación económica. A idea de negocio do equipo formado por Manuel García Sánchez e Daniel Gómez Pérez consiste nun sistema que axudará a aterrar un avión non tripulado “con exactitude e precisión” en condicións extremas.
A intención dos promotores é desenvolver un produto “totalmente comercial” para que estea no mercado a finais de 2018. O sistema tirará partido dos sinais transmitidos desde os satélites de navegación GNSS para medir a distancia e a velocidade relativa desde o avión non tripulado ao intre de aterraxe. Este levarase a cabo de maneira cen por cen autónoma “sen necesidade de sistemas de axuda adicionais”, salientaron os responsábeis da tecnoloxía.
O Concurso Europeo de Navegación por Satélite (European Satellite Navigation Competition, ESNC) é un concurso internacional de innovación que premia as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite. Cada ano adícase a procurar os mellores servizos, produtos e innovacións que utilicen a navegación por satélite na vida cotiá. Na cerimonia de onte, celebrada por primeira vez fóra de Alemaña, tamén se entregaron os premios ao resto dos gañadores rexionais, ao gañador absoluto e as distincións aos premios especiais do xurado.

PUBLICIDADE