Premian o labor de investigación TIC dun equipo de psicólogas da Universidade de Santiago

luns, 7 de xaneiro do 2013 Redacción

De esquerda a dereita, Patricia Otero, Fernando L. Vázquez, Ángela J. Torres, Vanessa Blanco e Elisabet Hermida, integrantes da empresa Xuntos

A Psicofundación, unha entidade dirixida a fomentar e potenciar a investigación e a innovación na profesión da psicoloxía, vén de recoñecer o potencial dun proxecto galego na nova edición dos seus premios. Falamos da iniciativa Formatos de intervención psicolóxica non presencial, impulsada polas doutoras Patricia Otero, Elisabet Hermida e Vanessa Blanco, colaboradoras da Unidade de Trastornos Depresivos da Universidade de Santiago. A devandita entidade profesional decidiu distinguilas co galardón Psicofundación Jóvenes Psicólogos Emprendedores 2012 polos camiños que abre o seu proxecto, tirando man das novas tecnoloxías, na mellora da calidade de vida dos pacientes. O recoñecemento entregouse nunha sesión celebrada a mediados do pasado decembro no Ateneu Barcelonés.
Lembrar que este equipo da Unidade que dirixe o profesor Fernando L. Vázquez, informa a USC, é á súa vez promotor do proxecto empresarial Xuntos, spin-off universitaria apoiada e financiada polo programa Empresa-Concepto que xestiona na USC a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento e na que a Universidade compostelá participa cun 5% no capital social fundacional desta Empresa de Base Tecnolóxica.
O proxecto pretende, mediante as tecnoloxías de comunicación das que a maioría das persoas dispoñen nos seus fogares como o teléfono ou Internet, achegar a asistencia psicolóxica a persoas que por diversos motivos non poden asistir a unha terapia convencional cara a cara. Co seu desenvolvemento se espera incrementar a accesibilidade á asistencia psicolóxica de calidade e baseada nos resultados de investigación. Ademais, coa iniciativa se agarda solventar problemáticas específicas como a dispersión da poboación, así como un aforro nos custes de desprazamento e tempo persoal para os usuarios.

PUBLICIDADE