Premio Hispasat para un estudante de doutoramento da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

mércores, 1 de xuño do 2016 Redacción

Un proxecto galego fin de carreira que investiga as comunicacións adaptativas en canles satélite móbiles vén de ser premiado entre os mellores do ano na XXXVI Edición dos Premios aos Mellores Proxectos de Fin de Carreira, Traballos de Fin de Máster, Teses de Doutoramento e Traxectorias Académicas en Enxeñaría de Telecomunicación outorgados polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Madrid. E cómpre subliñar que o autor deste estudo é o vigués Anxo Tato Arias, que se fixo co galardón na categoría Premio Hispasat ao Mellor proxecto fin de carreira en novas tecnoloxías para satélites de comunicacións e o vindeiro día 24 recollerá o seu premio nunha cerimonia que se celebrará no Instituto da Enxeñaría de España en Madrid.
“O broche de ouro a sete anos de carreira”, subliñaba Anxo Tato, estudante de doutoramento da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo, quen explicaba que “O noso traballo aplicámolo a ligazóns por satélite onde o terminal do usuario é móbil, en troques de estar nunha localización fixa, coma na recepción de televisión por satélite, o terminal do usuario está na parte superior dun vehículo, como pode ser un coche, un barco ou un dron”, facendo fincapé no feito de considerar que un terminal móbil dificulta enormemente as comunicacións, xa que ao moverse atoparase cunha sucesión de estados de boas, regulares e/ou malas condicións de recepción. “Por exemplo, se o terminal móbil ten visión directa co satélite, poderá transmitir datos a unha velocidade alta; pola contra, se existe algún elemento coma unha árbore ou un edificio que entorpece parcial ou totalmente o sinal do satélite, o terminal terá que reducir a taxa binaria (a velocidade de datos da conexión) se quere garantir que a información enviada chegue sen erros ao outro extremo”, expoñía Tato.
E seguindo co proxecto, nel investigáronse algoritmos de adaptación de ligazón que tentan axustar de maneira intelixente certos parámetros dun transmisor (modulación e taxa do codificador de canle) para tentar transmitir a máxima cantidade de datos que as condicións da canle de comunicacións permitan. “Trátase de espremer ao máximo o ancho de banda asignado para transmitir a máxima cantidade de información posíbel de xeito fiábel”, resume Tato.
O mozo investigador, contratado polo centro de investigación AtlantTIC da Universidade de Vigo no marco do proxecto de I+D Táctica, tiña tamén palabras de agradecemento para o director do proxecto, o catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Carlos Mosquera, “o premio é tamén un recoñecemento ao seu bo facer”. Entregaranlles cadanseu diploma acreditativo e, a maiores, o autor do proxecto recibirá 1000 euros.
Arestora, Tato Arias está a realizar a súa tese de doutoramento, un traballo que segue a estela do proxecto fin de carreira e que tamén dirixe Mosquera e cómpre salientar que segue apostando pola lingua galega dende a Asociación Trabalingua, unha asociación aberta de mozos e mozas vinculados á Universidade de Vigo e preocupados pola situación actual da lingua galega, da que el foi presidente, pois en palabras de Anxo Tato: “Calquera actividade laboral é compatíbel coa defensa do galego”.

PUBLICIDADE