Preocupación ante a aparición dun troiano para Mac

venres, 2 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Imaxe do troiano para Mac OS X facéndose pasar por un codec de vídeo

O aumento de vendas de ordenadores de Apple fai que os creadores de malware comecen a ter en conta o Mac OS X entre os seus obxectivos, e así dende a empresa de seguridade informática Intego alerta da aparición dun troiano para Mac que se fai pasar por un codec de vídeo preciso para ver certos vídeos con contidos pornográficos cando en realidade se trata dunha aplicación que modifica as DNS empregadas polo noso equipo, de xeito que cando un usuarios intenta visitar páxinas web de poxas ou bancos se ve remitido a webs falsas sen que se poida percibir tal a simple vista, o que se pode aproveitar para o roubo de datos e contrasinais.
Ante esta nova hai que ter en conta, por unha parte, a súa fonte (unha empresa que comercializa antivirus para Mac, entorno onde as ferramentas de seguridade informática son pouco habituais) e, por outra, que ter un sistema operativo ou outro non permite a ninguén estar seguro na Internet, polo que certas precaucións son sempre aconsellables.
Este sería un dos primeiros casos nos que un malware para Mac fose algo máis que un desenvolvemento de laboratorio, e parece ser unha punta de lanza deste tipo de aplicacións con malas intencións. De feito, os creadores de webs que queiran enganar ós usuarios poden remitirlles troianos para Windows ou para Mac OS X segundo o sistema operativo detectado nos equipos que visitan as webs de reclamo, incrementando a base de posibles infectados por estas aplicacións, de aí que poidamos dicir que os maqueiros xa non están libres deste tipo de ameazas.

PUBLICIDADE