Prepárase para o seu arranque o proxecto da UVigo para eliminar a COVID con drons

xoves, 14 de maio do 2020 S. P.

O proxecto liderado por investigadores da Universidade de Vigo para desinfectar áreas de risco por COVID-19 co emprego de drons e dispersión de líquidos está xa pronto para arrincar. Segundo informou a UVigo, este 14 de maio os responsábeis da iniciativa mantiveron unha xuntanza telemática con Francisco Conde, conselleiro de Economía, e os impulsores dos outros sete proxectos innovadores apoiados pola Axencia Galega de Innovación para plantar cara á COVID-19 (seis deles promovidos por empresas galegas e dous máis deseñados pola UVigo e a USC). A proposta da UVigo porá o foco en desenvolver un sistema de información xeográfica a nivel galego e unha metodoloxía que permita optimizar o uso de drons anti-COVID nesta crise.
A iniciativa da Universidade de Vigo, financiada con 55.000 euros pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, é como dixemos unha das oito solucións elixidas, entre as 160 recibidas, na convocatoria feita pola Consellaría de Economía, Emprego para o desenvolvemento de proxectos innovadores fronte á pandemia.
O seu investigador principal será Higinio González, profesor titular da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense, completando o equipo os profesores Fermín Navarro, do mesmo centro, e Joaquín Martínez, da Escola de Enxeñaría de Minas; e o persoal investigador Luis Miguel González; Noelia Fariñas; Lorena Docasar e Alejandro Gómez. O seu labor desenvolverase de xuño a decembro de 2020.
O seu primeiro reto será desenvolver un sistema de información xeográfica a nivel galego que determine zonas na que se prevé unha elevada afluencia de xente e son susceptibles de desinfección con drones.
O segundo desafío será determinar horas necesarias de operación e restricións de índole legal para esta desinfección, así como recursos necesarios a nivel económico, de equipos e empresas operadoras.
O terceiro obxectivo será crear e verificar de metodoloxías de desinfección específicas para estes sistemas para garantir o seu correcto resultado.
Respecto do primeiro punto (o desenvolvemento dun sistema de información xeográfica a nivel galego que integre todas as zonas de aplicabilidade da tecnoloxía de desinfección con drons e que presente os lugares de potencial afluencia de xente que poderían á súa vez ser desinfectados por este método), comezará por determinar a área sobre a que actuar e por integrar no sistema as restricións legais de voo existentes e definir diferentes tipos de operacións en función disto. Para a xeración de metodoloxías de operación específicas para a desinfección, así como a verificación das mesmas, o proxecto parte do extenso coñecemento que ten o equipo de traballo na operación de diferentes tipos de sistemas non tripulados, xa que está integrado por tres pilotos de drons, dous doutores enxeñeiros aeronáuticos e unha graduada en Enxeñaría Aeroespacial.
A intención é de que en setembro de 2020 poidan arrancar as primeiras tarefas de desinfección con drons acompañando o inicio de actividades como o curso escolar ou ligas deportivas. “Nese momento arrancaríanse as actividades de verificación nas primeiras operacións, que actuarían a modo de piloto e que se poderían estender a partir de novembro a todo o territorio”, apunta González.

PUBLICIDADE