Presentada a Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial nun acto organizado polo CiTIUS

xoves, 18 de febreiro do 2021 S. P.

Carme Artigas Brugal, secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, presentou este mércores 17 os detalles da ENIA (Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial), iniciativa do Goberno de España para aproveitar as oportunidades de transformación socioeconómica que brindan as máquinas e os sistemas con capacidade para comunicarse e avaliar e comprender grandes cantidades de información, amais de tomar decisións. Fíxoo ao longo dun evento dixital organizado no CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC).
A nova Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial (ENIA), unha iniciativa anunciada en decembro polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, conta cun investimento público de 600 millóns de euros para o período 2021-2023, e constitúe unha das propostas fundamentais do Plan España Dixital 2025, lanzado o pasado mes de xullo.
Tras unha breve introdución do reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e o director científico do CiTIUS, Senén Barro, Artigas desvelou algunhas das claves desta nova estratexia, coa que o Executivo pretende aliñar as políticas nacionais destinadas a fomentar o desenvolvemento e o uso da IA en España.
Ao longo da súa intervención, salientou o traballo das universidades e os centros de investigación, cuxo labor cualificou de “absolutamente indispensábel”. Ao fío disto, anunciou o seu apoio á creación dun novo Grao de Intelixencia Artificial na USC, e lembrou que o obxectivo é “seguir traballando de maneira conxunta de face ao futuro, fortalecendo así mesmo a colaboración entre os sectores público e privado”.
Como exemplo desta colaboración, anunciou que o Goberno promoverá a creación dunha Rede de Excelencia en Intelixencia Artificial cuxa convocatoria lanzarase nos próximos dous ou tres meses.
Carme Artigas incidiu tamén na necesidade de aproveitar a oportunidade histórica que ofrece a Intenlixencia Artificial (IA) para “reconstruír a economía sen deixar a ninguén atrás, pechando brechas históricas”.
Tras o encontro, ao que se uniron máis de duascentas persoas de múltiples puntos de España, os asistentes tiveron a oportunidade de participar nun debate coa secretaria de Estado, que respondeu a algunhas das dúbidas dos diferentes perfís representados, desde universidades e centros de investigación até profesionais e directivos de empresas, tanto de startups como grandes empresas, técnicos e altos cargos das administracións.

PUBLICIDADE