Presentada no Parlamento o proxecto de Lei de Administración Dixital

martes, 28 de maio do 2019 Redacción

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Administración Dixital de Galicia, cuxo obxectivo, sinalou, “é situar a Administración na vangarda do uso das novas tecnoloxías”, actuando de tractora da sociedade e da economía e sendo quen de “adaptarse de maneira áxil ás novas demandas”. Martínez tamén enxalzou o papel das novas Tecnoloxías da Información e na Comunicación á hora de mellorar a relación da cidadanía coas institucións públicas, e máis se temos en conta, dixo, que “o 96,1% dos cidadáns ten teléfono móbil, un 50% fai uso das redes sociais e un 45% emprega a banca electrónica”.
Valeriano Martínez engadiu que son catro os obxectivos que busca esta lei. Por un lado, “quérese dotar á Xunta dun marco legal estábel que, desde a perspectiva transversal, permita dar coherencia á actuación global en materia de Administración Electrónica”.
Ao mesmo tempo, engadiu, “búscase establecer legalmente, dentro do marco normativo xeral en materia de administración, os principios reitores da intervención pública das Administracións Públicas”.
En terceiro lugar, a norma ofrecerá “unha maior eficacia, eficiencia e simplificación dos procedementos a través dos cales os cidadáns e as empresas se relacionan coa Administración autonómica”.
Por último, perséguese acadar un contexto normativo “global e coherente para incentivar o investimento público neste eido”, tendo en conta que “dota da seguridade xurídica necesaria xerar confianza no sector confirmando a aposta decidida da Administración autonómica no desenvolvemento das TIC”, sinalou.
Entre as vantaxes concretas que se perseguen con esta lei figuran os seguintes: ceibar á cidadanía de ter que reclamar datos que xa ten a Administración; xerar proactividade (empregando a información que ten a Administración para prestar servizos personalizados e adiantarse ás necesidades do cidadán), e avanzar na automatización dos procesos para conseguir “unha xestión máis eficiente”.

PUBLICIDADE