Presentado en Santiago un libro que avalía a fondo a crise do xornalismo na era das redes sociais

venres, 23 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

A Fundación Telefónica presentou esta semana en Santiago a obra O xornalista na encrucillada (El Periodista en la encrucijada, no seu título orixinal), un traballo que avalía a situación actual da profesión nun intre especialmente complexo para o seu mantemento e para o seu futuro, sendo a faciana máis grave deste proceso os milleiros de despedimentos que se están a materializar nunha chea de medios tradicionais, ou non tan tradicionais, ben sexa por mor do cambio comunicativo que imprimen as redes, ben sexa por unha mala xestión nos ditos medios ou por todo á vez. O libro, que se presentou no auditorio da Facultade de Ciencias de Comunicación, reflicte que o xornalista de hoxe está sometido “a unha multitarefa improdutiva que lle impide contrastar e contextualizar a información como debería para ofrecer un produto de calidade e que é consecuencia da escaseza de tempo e de recursos derivados da filosofía de curto prazo da empresa mediática”.
O acto de presentación da obra -que forma parte da Colección Fundación Telefónica/Ariel e é froito dunha investigación realizada polo grupo PASSET, da Universidade Carlos III- contou coa presenza do director de Coordinación Territorial da Fundación Telefónica, Joan Cruz; o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro; e a profesora da Universidade Carlos III e coordinadora do volume, Mª Pilar Diezhandino. Nas verbas desta última, a profesión xornalística “atravesa un dos intres máis críticos da súa historia”. Pola súa banda, Xosé Manuel Pereiro explicou que o xornalismo “segue sendo unha profesión artesá, e a valía do produto depende da calidade de quen o faga, dos medios de que dispoña e do tempo que teña para facelo”. Asemade, tratouse o tema do gratis total, unha estratexia seguida por moitos medios na Rede, o que a xuízo dos presentes xa non é viábel (por outra banda, tamén se ten demostrado a inviabilidade do contrario en certos casos, tal e como se viu coa experiencia de El País, que viu como se reducían de xeito drástico as súas visitas ao impoñer o pago dunha cota). No acto fíxose saber que a información tradicional teno complicado perante a proliferación de redes, contidos e linguaxes máis acaídas para as novas xeracións. Así, “fronte aos máis de 6.000 xornais que se editan no mundo, cada minuto descárganse de balde, en YouTube, 48 horas de vídeos, cunha media de 3.000 millóns de visualizacións diaria”. Asemade, en España, con dous millóns e medio de blogs abertos, continúa a medrar o número de lectores exclusivos do formato electrónico na Rede fronte aos lectores do formato impreso. Esta tendencia, segundo se di no libro, revela a necesidade dun cambio no modelo de negocio das máis de cen cabeceiras españolas. O informe expón, ademais, que prevalecerá o bo xornalismo cando se resolva o problema das súas fontes de ingresos.

PUBLICIDADE