Presentado o Plan de Software Libre 2012, cun presuposto de 915.000 euros

luns, 14 de maio do 2012 Raquel Noya

A directora da Amtega, Mar Pereira, presentou o Plan de Software 2012

O actual Goberno galego “foi o primeiro en contar cunha estratexia clara en materia de software libre poñendo en marcha en 2010 o primeiro plan realizado en colaboración cos axentes do sector”, así o explicou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, durante a presentación do actual Plan de Software Libre 2012, que conta cun investimento de 915.000 euros para desenvolver actividades de promoción e uso do software libre entre a cidadanía galega.
Mediante este Plan levaranse a cabo máis de 120 actuacións dirixidas a impulsar o uso do software libre e código de fontes abertas (FLOSS) no sector empresarial, na sociedade en xeral e na Administración do país, esta última, por certo, xa conta co 94% dos ordenadores con software libre instalado e prevé chegar ao 100% este ano.
De novo, o Plan desenvólvese en colaboración coas asociacións galegas de usuarios de software libre (AGUSL), coas empresas do sector (AGASOL), coa Comisión Interuniversitaria de Galicia (que integra as tres universidades) e co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, todas elas entidades que durante os últimos anos traballaron a reo por integrar as ferramentas abertas no día a día da sociedade galega, en tódolos seus eidos.
No mesmo acto de presentación, a AMTEGA aproveitou para facer balance das actuacións realizadas no 2011en torno ao software libre (que entre outras cousas lle permitiu á Xunta aforrar 2,5 millóns de euros), e asinou un convenio de colaboración entre a Asociación Galega de Empresas de Software Libre e o Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en Fontes Abertas CENATIC, a cuxo padroado pertence a Xunta desde o ano pasado.

Software de fontes abertas na Administración

Mar Pereira, destacou a aposta polo uso do software libre na Administración coa elaboración dun estudio que analizará o impacto, as necesidades formativas e a viabilidade da migración exclusivamente a ferramentas ofimáticas de software libre en todos os ordenadores dos empregados públicos da Xunta.
Este estudo é o paso previo necesario antes de poder elaborar un plan de migración e un avance no camiño iniciado en 2010 ao instalar en todos os novos ordenadores ferramentas ofimáticas de software libre en convivencia co software propietario.
Ademais, este ano porase en marcha, en colaboración con CENATIC, un procedemento para analizar de xeito previo á contratación dun produto ou desenvolvemento tecnolóxico, se existe unha solución libre que cubra as necesidades requiridas.

Difusión do Software libre entre a cidadanía

Un dos aspectos clave para o éxito das tecnoloxías FLOSS, en particular na vida diaria, é a formación para comprender os beneficios do seu uso, polo que o Goberno promoveu o pasado ano a formación de diversos sectores da sociedade galega e motivou ás persoas formadas a usar as fontes abertas no seu día a día.
En 2012 o plan continúa a senda iniciada no 2011 coa formación específica dos empregados públicos a través do plan Ofimático Galego; tamén estará presente na Rede CeMIT (onde máis de 1.300 ordenadores das 98 aulas teñen instalado o sistema operativo libre); continuará formando aos profesionais do sector TIC en software libre dentro do seu plan formativo con 16 cursos e preto de 1.000 sobre este tipo de aplicativos e volverá a convocar o Premio ao mellor Proxecto universitario de Fin de Carreira en colaboración coas empresas do sector.
A todo o anterior hai que sumarlle a celebración, en outubro deste ano, da III edición da Libre Software World Conference, un dos maiores eventos e difusión do software libre celebrados en España para empresas e profesionais, que terá lugar por primeira vez no noso país; así como as actuacións de difusión de solucións tecnolóxicas do Centro Demostrador TIC, que xa leva ofrecido unhas cuantas achegas en materia de software libre o pasado ano e seguirao facendo este ano.

Convenio Cenatic e Agasol

Como apuntamos anteriormente, durante a presentación do Plan Floss, asinouse un convenio entre a Fundación CENATIC e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, mediante o cal se asesorará ao sector tecnolóxico de Galicia sobre os aspectos xurídicos, tecnolóxicos e metodolóxicos máis axeitados para a liberación de software e coñecemento, así como para o desenvolvemento de negocio baseado en software libre.
Segundo afirmaron os seus responsable, este coñecemento contribuirá, xunto á calidade das propias empresas galegas, “a seguir crecendo e consolidándose como axentes fundamentais no ámbito local do cambio que se está a producir nos sistemas tecnolóxicos da Administración”.

PUBLICIDADE