Presentado un observador electrónico para achegar maior sustentabilidade na pesca, o sistema Seatube

luns, 19 de xaneiro do 2015 Redacción

A Organización de Produtores Asociados de Grandes Atuneiros Conxeladores (OPAGAC) e a empresa Digital Observer Services (Satlink) presentaron os días pasados en Madrid unha tecnoloxía directamente encamiñada a permitir para gravación, rexistro e recuperación da actividade pesqueira, amais de servir de complemento para os programas de observadores actuais. Trátase de Seatube, sistema de observación electrónica, presentado na Secretaría Xeral de Pesca do Goberno central perante representantes de CEPESCA (Confederación Española de Pesca), de empresas armadoras de todo o Estado, da produtora audiovisual Orca Films e de varias ONG, entre as que se contaron WWF ou Alnitak.
Este sistema, desenvolvido conxuntamente por Satlink e pola frota atuneira española, permitirá proporcionar ás administracións pesqueiras, empresas armadoras, centros de investigación e á comunidade en xeral, “información independente, fiábel, verificada e precisa sobre a actividade pesqueira, tipo, capturas, métodos de pesca, descartes e interaccións con especies protexidas, independentemente do tamaño do barco e a súa zona de navegación”, fíxose saber na presentación do recurso tecnolóxico. No acto tamén se dixo que o sistema ten potencial para incrementar a cobertura dos datos de observación en todo tipo de pesqueiras, amais de proporcionar unha alternativa á recollida de información en situacións onde embarcar a un observador humano non é posíbel. A maiores, asegurarase o seguimento do peixe e o cumprimento das normativas sobre descartes, amais da promoción de prácticas sustentábeis.
O sistema, engadiuse, “grava toda a actividade do barco e despois os servizos de inspección independente de Digital Observer Services revisan as gravacións e elaboran un informe completo da actividade do buque, a captura e as especies accesorias”. A empresa manterá os rexistros audiovisuais durante dous anos para que sexan revisados por terceiros, o que dá unha garantía única como sistema de observación validábel. Segundo fixo saber OPAGAC, “esta iniciativa forma parte das numerosas levadas a cabo pola frota atuneira española para mellorar a sustentabilidade das pesqueiras de túnidos tropicais, entre as que se atopan a aplicación do Código de Boas Prácticas, a Iniciativa Transparencia Atuneira para mellorar a gobernabilidade nos países terceiros e a loita contra a pesca ilegal ou o desenvolvemento de proxectos para mellorar a selectividade da arte de cerco”.
OPAGAC está composta arestora por cinco compañías de armadores propietarias de 12 buques atuneiros con bandeira española. Os armadores de OPAGAC crearon a asociación AGAC para dar acubillo aos buques atuneiros de empresas mixtas de tal maneira que a frota baixo o paraugas de OPAGAC/AGAC é de 38 buques atuneiros-cerqueiros que faenan no tres Océanos (Atlántico, Índico e Pacífico).

PUBLICIDADE