Presentado un percorrido literario e virtual por Compostela con motivo do Día da Biblioteca

mércores, 24 de outubro do 2012 Redacción

Entre as actividades que se desenvolven este mércores 24 de outubro, dende a nosa terra, para conmemorar o Día da Biblioteca, incluíuse un percorrido virtual pola frutífera e intensa relación de Santiago coa nosa tradición narrativa. A iniciativa, que vén da man da Biblioteca Pública Ánxel Casal, está xa dispoñíbel no portal web da Rede de Bibliotecas de Galicia. Roteiros literarios por Compostela, informa a Consellería de Cultura, é o nome deste proxecto “que convida a cidadanía a ler en galego, ao tempo que amosa a cidade compostelá a través de anacos de obras de referencia da novela negra en galego que teñen como escenario a capital de Galicia”.
A iniciativa foi presentada este mércores polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no marco da celebración do Día da Biblioteca e nun acto no que estivo acompañado pola directora da biblioteca, Carina Fernández, e máis por Antonio José Rodríguez, representante da empresa Imasv, que desenvolveu a aplicación.
Na súa intervención, o secretario xeral destacou a necesidade de contarmos con “novas doses de imaxinación para achegarlle os libros á sociedade” e nesta liña de dinamización situou a creación desta “nova ferramenta, que nos convida á lectura en galego e que pon a biblioteca en relación cos escenarios da súa cidade, nos que se desenvolven as intrigas de varios títulos de referencia da novela negra galega”.
Os textos que guían a visita virtual por algunhas das rúas, prazas e parques da capital de Galicia recrean un total de once espazos descritos en cinco obras estreitamente vinculadas ao xénero da novela negra en galego ou á narrativa de intriga. Estas obras son Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa; Ambulancia, de Suso de Toro; Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras; O crime da rúa da Moeda Vella, de Román Raña; e Seis cordas e un corazón, de Roque Morteiro.
Para a visita virtual, informouse, “emprégase a aplicación de Google Maps, e entre a ducia de lugares referidos inclúense a rúa Nova, a do Hórreo o a da Carreira do Conde; a praza do Toural e das Praterías ou o Parque de San Domingos de Bonaval”.

O Parque de Bonaval é un dos emprazamentos incluídos no roteiro

PUBLICIDADE