Presentado un software galego para revisar por completo a acústica dun edificio

luns, 26 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

Un dos responsables da ferramenta, o investigador Manuel Sobreira

Agora que xa temos a clave para facer software, só queda diversificalo, especializalo e, polo tanto, facelo único no mundo. Esta singularidade é unha das grandes características de SONarchitect, o primeiro programa do mercado que é quen de calcular o illamento dunha construción por enteiro a través de métodos expostos no eido das normas UNE 12354. A ferramenta en cuestión, que se está a presentar estes días internacionalmente en diferentes eventos (como o congreso Euronoise 2009, a xuntanza sobre acústica máis salientable de Europa e onde terán cabida voces galegas como as da firma Sonen) foi posta en marcha por profesionais galegos, máis polo miúdo os integrantes de SON (Sound of numbers), iniciativa de mercado xurdida ao abeiro do grupo de investigación Sonitum da Universidade de Vigo, coordinado polos profesores Antonio Pena e Manuel Sobreira. Segundo informa a Universidade, SON foi creada en decembro de 2008 logo de anos de experiencia no eido da enxeñería acústica e tentando chegar a onde ninguén chegara antes.
De feito, o devandito software é unha innovación informática en toda regra: “Ninguén nolo encargou e arriscamos nun intre duro, sobre todo para a construción, investimos tempo e cartos pero xeramos emprego”. Sobre este último punto, dicir que SON deu acubillo laboralmente a profesionais xurdidos da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Vigo. O programa en cuestión, de nome SONarchitect, fai avaliacións de tipo acústico dun edificio e, tamén, verificacións integrais do mesmo, achegándolle un servizo útil á demanda actual de ferramentas informáticas para os profesionais da construción, sobre todo no que se refire á aplicación de regulamentos como o Documento Básico de Protección fronte ao Ruído DB-HR. SONarchitect, que foi desenvolvido en colaboración con Sonen, fai o cómputo de todas as características sonoras dun edificio, achegando como punto forte esa capacidade para facer a revisión por completo, sendo aí onde se diferenza de outras ferramentas software semellantes, informa o equipo responsable da súa posta en marcha.
No que se refire ao funcionamento de SONarchitect, engade a Universidade de Vigo, o programa permite ver todos os recintos en 3D e comprobar si cumpren ou non o CTE. Deste xeito, permite ver onde está o fallo, en que incumpre o código e onde, se é ruído dende as escaleiras, o ascensor, as fiestras, etc. Segundo engade o profesor Sobreira, desta maneira, e aínda na fase de proxecto da edificación, pódese modificar o que sexa preciso para corrixir os erros de modo que cumpra co CTE.

PUBLICIDADE