Presentan no Barco o portal de venda en liña do comercio galego

xoves, 1 de marzo do 2012 Redacción

A directora xeral de Comercio, Nava Castro, participou esta tarde no Barco de Valdeorras na presentación nesta vila do portal de comercio electrónico comerciogalicia.es, unha plataforma posta en marcha en colaboración pola Consellería de Economía e Industria e a Federación Galega de Comercio.
Nava Castro salientou que a posta en marcha de comerciogalicia.es permite aos comerciantes galegos “ofrecer novos e mellores servizos aos consumidores e combinar a súa actividade comercial tradicional coa venda a través de internet” e animou aos comerciantes da zona a sumarse a esta iniciativa “que non só lles posibilitará abrirse a novos mercados senón tamén ofrecer novos servizos á clientela que xa confía neles no día a día”.
O portal, que permitirá ao sector ofrecer un escaparate conxunto para a venda a través de internet, ofrece servizos de envío e de pagos unificados, así como vantaxes como a venda por lotes, permitindo mercar en distintas tendas cunha soa transacción económica.
Castro recordou que “o impulso á modernización e dinamización do comercio de proximidade é un dos eixos estratéxicos da actuación de Consellería de Economía e Industria” e lembrou que o departamento que dirixe Javier Guerra “ten en marcha un plan integral onde se plasma a estratexia comercial da Xunta: o Plan Ágora- Agora recomercia”.

PUBLICIDADE