Novos procesadores Intel Core de 13ª xeración para portátiles

martes, 3 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

De cara ao CES de Las Vegas o fabricante de procesadores Intel presenta novos procesadores Intel Core de 13ª xeración, como o novo Intel Core i9-13980HX (primeiro procesador de 24 núcleos para un ordenador portátil), que forma parte da nova familia de procesadores H orientada a xogadores e creadores de contido, que poden chegar a funcionar a unha frecuencia turbo de 5,6 GHz (a velocidade máis alta dispoñible no mercado de portátiles). Estes equipos poden equiparse con até 128 GB de RAM (DDR5 de até 5.600 MHz ou DDR4 de até 3.200 MHz), así como tamén contan con Wi-Fi 6E, Bluetooth 5.2, Thunderbolt 4, e outras vantaxes para os que buscan equipos cun grande rendemento.
Intel tamén presentou as familias Intel Core P e Core U de 13ª xeración para portátiles, destinadas a equipos que buscan un bo desempeño mantendo un deseño delgado. Estes procesadores poden ter até 14 núcleos (6 de rendemento e 8 de eficiencia). Estes procesadores van acompañados coas gráficas Intel Iris Xe, que contan con XeSS Super Sampling e Intel Arc Control. Tamén soportan Wi-Fi 6E e Thunderbolt 4.
Para ordenadores de escritorio tamén chegan os novos procesadores Intel Core da serie K, que nos seus modelos máis potentes chegan a 5,6 GHz e 24 núcleos (32 fíos), e poden funcionar a 35 e 65 watts, polo que son unha boa opción para xogar, crear contidos e tarefas de produtividade.
Por outra banda tamén temos os novos procesadores da familia N, orientada a equipos de baixo custo (collendo o relevo das marcas Intel Pentium e Intel Celeron), que nesta nova xeración prometen ate un 28% de mellora de rendemento en aplicacións e até un 64% de mellora a nivel gráfico, compatibilidade coas tecnoloxías de conectividade sen fíos actuais (Wi-Fi 6E e Bluetooth 5.2) e, por primeira vez, haberá versión Intel Core i3 N, que tería un 42% de rendemento adicional en aplicacións a un 56% máis de desempeño gráfico.

PUBLICIDADE