Preséntase en Santiago un novo servizo de venda en liña de produtos de calidade: Smartbites

xoves, 26 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Hoxe preséntase en O Faladoiro, en Santiago de Compostela, unha nova empresa TIC galega. Falamos de Smartbites, iniciativa en liña para a venda e distribución de produtos gourmet a domicilio. Máis polo miúdo e segundo nos fan saber os seus responsábeis, previamente á celebración do acto de presentación (unha festa que está programada para as 20 horas), a idea é achegarlles aos internautas produtos de alta calidade aos prezos máis económicos: viños, queixos, licores, etc.
A empresa vén da man de dous emprendedores novos galegos, Marta e Manuel González, sendo o seu obxectivo tirarlles o máximo partido ás posibilidades (moi altas) de venda por Internet. Smartbites xa está operativa na Rede, para quen queira vela, e é o froito de case un ano “de esforzos e de moita ilusión por parte dos seus creadores”, sinalan. Asemade, engaden, está pensada como unha plataforma de achegamento entre provedores e clientes finais, poñendo á súa disposición un amplo e variado abano de produtos que, na súa gran maioría, son moi complicados de atopar nas canles tradicionais de compravenda. “O noso obxectivo é actualizar día a día o noso catálogo en liña, mantendo os obxectivos de calidade e máis de variedade”, engaden.

PUBLICIDADE