Preséntase en Vigo o Kit Dixital, o programa de axudas económicas para pemes e autónomos do Goberno

mércores, 16 de febreiro do 2022 S. P.

Alberto Martínez Lacambra, director xeral da entidade estatal Red.es inaugurou este mércores 16 en Vigo a xornada de presentación do programa Kit Dixital, celebrado na nova sede da rúa Areal do Consorcio da Zona Franca de Vigo. Tamén participou David Regades, delegado de Estado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, e a presidenta da deputación de Pontevedra, Carmela Silva. O programa de axudas está impulsado polo Goberno de España para promover a dixitalización de pequenas empresas, microempresas e autónomos, e para contribuír a modernizar o tecido produtivo español.
A xornada tamén contou co apoio da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) e da Asociación Española de Almacenistas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (CONXEMAR) representada por Eloy García, vicepresidente.
Vigo foi a nova parada da xira de encontros informativos de Red.es, logo da realizada este martes 15 en Santiago, periplo iniciado o pasado mes de xaneiro e que durante os próximos meses vai percorrer toda España. O obxectivo é explicar aos protagonistas deste programa, as pequenas empresas, micropemes e profesionais autónomos, como poden acceder a estas axudas, que vantaxes ten a dixitalización das súas empresas e que papel facilitador xogan os axentes digitalizadores e outras entidades colaboradoras neste proceso. As próximas semanas celebraranse máis xornadas en Cataluña, Castela-A Mancha, Cantabria, Principado de Asturias, Castela e León, Andalucía, Rexión de Murcia, Aragón, Comunidade Foral de Navarra, A Rioxa, Illes Balears e Canarias.
O director xeral de Red.es quixo resaltar o apoio que tanto ARVI como CONXEMAR deron “para que esta xornada fose todo un éxito”. Alberto Martínez trasladou o seu agradecemento pola súa presenza nun día tan complicado para o sector pesqueiro de Galicia, especialmente da provincia de Pontevedra, tras a traxedia do naufraxio dun barco de Marín en augas de Terranova, en Canadá. En relación ao programa Kit Dixital, tamén quixo salientar “que é unha oportunidade única para dixitalizar ás pemes xa que permite ás pemes dixitalizadoras mellorar a súa posición no mercado”.
Pola súa banda, o delegado de estado do Consorcio Zona de Franca de Vigo, David Regades, mostrou a súa satisfacción porque “máis de tres mil millóns de euros de fondos Next Generation sirvan para dixitalizar as empresas e sobre todo as máis pequenas”. David Regades ofreceu o apoio do Consorcio ao proxecto “para que usedes a Zona Franca como panca de cambio”.
A presidenta da deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou que “Galicia ten unha oportunidade extraordinaria para a transformación dixital que non pode deixar pasar” e agradeceu ao Goberno de España e a Red.es “a súa transparencia na comunicación das liñas de axudas a través do programa Kit Dixital que será un avance extraordinario para a imprescindíbel transformación tecnolóxica das nosas empresas”.
Coa presenza de máis de 70 asistentes e máis de 250 conectados online, o encontro conducido pola xornalista Lara Graña, contou tamén coa participación de Luis Prieto, director de Economía Dixital de Red.es e encargado de explicar o Programa Kit Dixital en profundidade. A información sobre as solucións de dixitalización e as vantaxes que cada unha ten para as empresas correu a cargo do asesora TIC de SmartPEME (Deputación de Pontevedra), Fátima Faílde.

O programa Kit Dixital

Dotado cun orzamento de 3.067 millóns de euros, o programa está financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España Next Generation EU no marco da axenda España Dixital 2025 e o Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025, e ten como obxectivo dixitalizar a preto dun millón de pemes e autónomos en todo o territorio nacional de todos os sectores produtivos durante os vindeiros tres anos.
A orde de bases do Kit Dixital especifica que cando se lancen as convocatorias, en función do número de empregados, as empresas poderán acceder a axudas de 12.000 euros, no caso de ter entre 10 e 49 empregados; 6.000 euros, para aquelas de entre 9 e 3 empregados; e 2.000 euros, para as de menos de 3 e ningún empregado. A primeira convocatoria, cun investimento de 500 millóns de euros, está dirixida a pemes de entre 10 e 49 traballadores.

PUBLICIDADE