Presenza galega en T-incluye, o certame de webs non discriminatorias

martes, 25 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

A accesibilidade e a integración en liña non se avalían unicamente a través da forma. O contido tamén é clave. De recoñecelo e valoralo perante a comunidade internauta é do que trata, entre outras cousas, o certame T-incluye. O concurso, convocado para premiar as páxinas web máis inclusivas do eido estatal (que meirandes esforzos fan para rematar coa linguaxe sexista e discriminatoria), conta arestora con 20 finalistas de entre máis de 130 candidaturas.
Por certo que nesta listaxe última de candidatos, apunta Xornal.com, hai presenza galega. Máis polo miúdo a proposta en liña da empresa Gaela Consultora, que centra a súa actividade na divulgación sobre a igualdade de dereitos, e a páxina web do proxecto Memoria da Muller de Ribadeo, sitio público que cumpre cunha dupla función social no devandito concello da Mariña de Lugo: o achegamento das mulleres á realidade das redes e a recuperación e enriquecemento do noso pasado a través das súas lembranzas.
Sinalar que T-incluye, certame promovido pola Fundación CTIC, vai neste intre pola súa terceira edición. A final está prevista para o vindeiro 14 de xuño en Xixón, intre no que se darán a coñecer os galardóns nas catro modalidades: web pública, empresarial, de entidades sen arela de lucro e persoal.

PUBLICIDADE