Preto dun cento de voces expertas en toponimia xúntanse na VI xornada da comisión especializada de nomes xeográficos

xoves, 21 de setembro do 2023 Redacción

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na apertura da VI Xornada da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos, organizada pola propia Comisión Especializada de Nomes Xeográficos (CENG), organismo dependente do Instituto Xeográfico Nacional (IGN). O evento, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Real Academia Galega, reúne durante toda a xornada de hoxe preto dun cento de persoas do sector da toponimia e da cartografía para tratar a estreita relación existente entre os nomes xeográficos e o mundo dixital.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a importancia “da toponimia para nomear os nosos lugares e deixar mostra dos asentamos humanos no espazo físico”. Ademais, Valentín García resaltou o éxito da plataforma colaborativa Galicia Nomeada, posta en marcha polo Goberno galego e a Real Academia Galega no 2019. “É un referente na colaboración entre as administracións públicas e a cidadanía na salvagarda do patrimonio inmaterial toponímico cunha base integramente dixital que, a día de hoxe, recibe achegas de 3.200 cidadáns de forma altruísta, acumulando máis de medio millón de topónimos xeolocalizados e dispoñibles para consulta”.
No acto inaugural, que acolleu a Cidade da Cultura, sede da xornada, tamén participaron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a presidenta da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos, María Pardo, e a secretaria do Consello Superior Xeográfico, Mónica Groba.

Os nomes xeográficos e o mundo dixital

O fío condutor desta xornada é a posta en común dos traballos que, desde o Instituto Xeográfico Nacional, se están levando a cabo en colaboración coas comunidades autónomas para elaborar o Nomenclátor Xeográfico de España adaptado á normativa europea, onde cada topónimo que forma parte desta cartografía dixital debe estar normalizado seguindo uns criterios comúns para todos.
No que respecta aos relatorios, a xornada está dividida en tres sesións, cada unha delas dividida en tres relatorios diferentes. O primeiro deles, que puxo en marcha a xornada tras o acto inaugural, foi o de Angélica Castaño Suárez, do Instituto Xeográfico Nacional. De seguido foi a quenda de Vicente Feijoo Ares, da Real Academia Galega, que falou dos catro proxectos que se están desenvolvendo actualmente en Galicia arredor da toponimia galega, facendo especial fincapé na plataforma colaborativa Galicia Nomeada.
Pechou a primeira das dúas sesións da mañá Oihana Mitxelena, da Deputación Foral de Gipuzkoa, quen falou do grande reto que supuxo a automatización da rotulación dos nomes de lugar dentro da xeración de cartografía automática do IGE.
Tras a pausa, retomou a xornada Maite Mollà Villaplana, da Acadèmia Valenciana de Llengua, cun relatorio arredor da elaboración da segunda edición de Directrices tiponímicas de uso internacional para editores de mapas, cartas náuticas e outras publicacións. Seguidamente, Mª Natalia Fojo Díaz, do Instituto Nacional de Estatística, abordou as innovacións na publicación da estatística Nomenclátor: Poboación do Padrón Continuo por unidade poboacional.
A sesión da mañá pechouna Marcos F. Pavo López, do Instituto Xeográfico Nacional, co seu relatorio A toponimia en mapas antigos como ferramentas para trazar a súa liñaxe: a transmisión do topónimo Elcano na cartografía dos séculos XVI-XVII.

PUBLICIDADE