Primeira condena por publicar unha chamada íntima a través de YouTube

martes, 24 de maio do 2022 Marcus Fernández

Imaxe de Miare na estrea mundial do último filme de Spider-Man

O Xulgado de Primeira Instancia nº 2 de Sant Feliú de Llobregat condenou á youtubeira coñecida como Naya a pagar unha indemnización de 10.000 euros e as costas do procedemento xudicial por vulnerar a intimidade de María Rubio Miare ao publicar en YouTube unha conversa privada dela coa súa anterior parella (o youtubeiro Daniel José Santomé Lemus, máis coñecido como Dalas Review).
A sentencia considera acreditada que a chamada íntima e privada da parella de celebridades na Rede pouco despois de ter rematado a súa relación foi publicada orixinariamente pola condenada, considerando que tal actuación non só vulnerou a intimidade de Miare, senón que tamén supuxo unha vulneración do seu dereito á honra.
O vídeo no que se publicaba por primeira vez a conversa privada tivo máis de 158.000 reproducións, pero foi rapidamente replicada en moitos outros vídeos, que en moitas das ocasións acreditaban a orixe da gravación. Tamén se acreditaron documentos que daban conta que Dalas Review foi quen realizou a gravación e quen lla facilitou á demandada, quen non só fixo pública a gravación, senón que incluso instaba aos internautas a descargar a chamada para que non se perdese.
Os feitos relatados aconteceron en marzo de 2016, o que no ámbito no que se desenvolveron parece unha eternidade, resultando tamén salientable que sexa a primeira condena por difundir unha chamada íntima a través de YouTube (o que confirmaría que a lexislación que protexe a nosa intimidade está vixente nos contextos tecnolóxicos actuais pese a ser moi anterior).

PUBLICIDADE