Principian as actividades formativas para os futuros membros da rede XIGA

martes, 17 de agosto do 2010 Redacción

Os futuros membros da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA), promovida pola Consellería de Economía e Industria, iniciaron onte o seu período de formación intensiva na Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia, Ourense). O curso, que se estenderá ata finais de setembro, foi inaugurado polo director xeral de I+D+I da Xunta de Galicia, Ricardo Capilla, que instou aos 61 alumnos a «aproveitar ao máximo o adestramento especializado» que comezaron a recibir onte coa vista posta na súa incorporación a outras tantas PEME galegas a mediados de outubro.
Capilla lembrou que a iniciativa da Consellería de Economía e Industria é a primeira destas características que se pon en marcha en España e dirixiuse aos alumnos mostrando a súa «total convicción de que a remesa de profesionais expertos que inaugurades a Rede XIGA marcará un salto de calidade na integración eficaz das PEME galegas no mercado da innovación».
Logo da intervención do director xeral de I+D+I, os alumnos asistiron a unha clase maxistral sobre innovación, emprendemento e crecemento impartida polo experto Xavier Marcet, e posteriormente dividíronse nos dous grupos nos que recibirán as 320 horas de formación especializada para identificar proxectos e potencial de I+D+i nas empresas; analizar convocatorias de axudas públicas no ámbito da innovación; definir, planificar e documentar memorias de proxectos de I+D+i; e xestionar proxectos de innovación na empresa, individuais ou cooperativos. Os módulos programados van desde a fiscalidade da innovación e a propiedade intelectual á xestión de equipos e proxectos, pasando pola comunicación da innovación, técnicas de negociación e novas tecnoloxías, entre outros.
A avaliación e validación de candidatos levouse a cabo mediante un novo sistema de identificación e xestión da información que garante a protección de datos privados e a total transparencia e imparcialidade nos procedementos de valoración de propostas para axudas públicas. Este sistema, desenvolvido por unha PEME galega con base no denominado código QR, utilizouse coa XIGA por primeira vez nun proceso administrativo en Galicia.
O interese da Consellería de Economía e Industria nesta tecnoloxía débese a que garante por completo a imparcialidade e transparencia nos procesos administrativos, polo que xa se está a traballar para implementalo en todos os procedementos de avaliación de solicitudes de axudas do futuro Plan Galego de I+D+I, como parte do proceso de eliminación total do papel nos trámites.

PUBLICIDADE