Privit: ferramenta de raizame galega para asegurar a privacidade das conversas co móbil

martes, 14 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

Os responsábeis de Privit presentando nun vídeo de promoción o desenvolvemento de seu

Como asegurar a privacidade das conversas co móbil e ao abeiro dos nosos servizos 2.0? Métodos eficaces e sobre todo accesíbeis, até o de agora, non semellaba haber moitos, pero parece que xa hai quen lle quere pór remedio isto. Os días pasados soubemos da alianza entre o galego Carlos Chaves (OnTouch) e o irlandés David Ryan (CheckSec) para dar forma a unha ferramenta que contribúa ao devandito e, ademais, teña potencial universal. A ferramenta en cuestión chámase Privit e vén acompañada dun programa de sensibilización, especialmente dirixido ás xeracións máis novas, sobre os riscos de achegar datos en determinados servizos específicos en liña e redes sociais que logo teñen a teima de apreixar información dos usuarios sen a máis mínima medida de seguridade.
No punto de mira de Privit está un bo número de redes de uso común, como Facebook. Segundo reflicte EGANET dende a súa web, esta e outras comunidades están a pór a disposición dos seus seareiros todo tipo de recursos que fan posíbel a comunicación de balde, entre outras vantaxes, recursos que logo non se corresponden coa realidade ofrecida e teñen máis letra pequena do que asemella nun comezo. O que acontece en realidade é que adoitan apropiarse da información dos seus usuarios. Os creadores de Privit están a advertir disto e engaden que “ninguén sabe até que punto os seus datos son vendidos a empresas, cedidos a institucións gobernamentais ou aproveitados para facer publicidade personalizada”. Ao xuízo de Chaves e Ray, Privit porá remate á devandita indefinición, posibilitando manter conversas “realmente privadas a través do móbil”. A campaña integra varias cuñas publicitarias que nos poñen sobre aviso sobre as cousas que facemos incorrectamente na Internet, confrontándoas co que pasaría se iso mesmo o fixéramos na vida real. Os contidos estarán na páxina de crowdfunding Indiegogo.com, na que se pode botar unha man con achegas miúdas de financiamento que entre outras cousas permitirán aos co-financiadores seren os primeiros en recibir a aplicación cando estea rematada.

PUBLICIDADE