Profesionais e concellos da nosa terra amosan as vantaxes administrativas e as posibilidades de negocio da senda smart

venres, 9 de maio do 2014 Redacción

A presidenta da Federación Galega de Empresarios Novos, Carmen José López, o presidente de INEO e CONETIC, Jorge Cebreiros, e o secretario xeral de Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao

Hoxe celebrouse da man de INEO a xornada As TIC e a eAdministración no marco das Smart Cities, en palabras da asociación empresarial unha boa oportunidade para que administracións locais, empresas e axentes tecnolóxicos e económicos intercambiasen as súas experiencias no ámbito da sustentabilidade nas institucións públicas, identificando as principais necesidades dos concellos e os nichos de negocio existentes para as empresas do sector. A xornada veu da man de INEO e a Federación Nacional de Empresas TIC, CONETIC. No seu transcurso, INEO presentou as as tecnoloxías desenvolvidas por algunhas das súas empresas para mellorar a eficiencia e o aforro na administración, “que son claros exemplos dos eidos onde se poden emprender iniciativas empresariais frutíferas”, sinalou a asociación.
No evento, enmarcado dentro do proxecto eTICs (do que INEO é parte activa, e que ten como obxectivo fomentar o emprendemento e a apertura de novas liñas de negocio no ámbito da sustentabilidade), participaron representantes de catro concellos galegos que están a levar a cabo, neste intre, iniciativas de Smart City asesoradas por INEO. Compartiron mesa con profesionais de cinco das empresas integrantes da asociación, e xuntos (concellos e empresas) puxeron en común as súas experiencias no desenvolvemento de proxectos para contornas intelixentes.
Os primeiros deron a coñecer as necesidades das súas concellos no ámbito da sustentabilidade da administración pública, e os segundos presentaron as solucións existentes en áreas como a participación cidadá, a mobilización de servizos públicos, a conectividade ou a seguridade.
O evento, que conta co apoio do Programa Empregaverde da Fundación Biodiversidade, foi presentado polo presidente de INEO e CONETIC, Jorge Cebreiros, e contou ademais coa participación do Eixo Atlántico, da Federación de Empresarios Novos de Galicia, do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Cebreiros comezou a súa presentación afirmando que “as TIC proporcionan oportunidades para investimentos de alta rendibilidade social e empresarial en solucións intelixentes que transformarán a administración, o transporte, a subministración enerxética, a atención sanitaria e o lecer, entre outros ámbitos”, e engadiu que para que poidan aproveitarse é necesario “escoitar a aqueles que teñen as necesidades, porque resolver esas necesidades é precisamente a senda que nos vai levar a cumprir as expectativas que se ten de nós”. Asemade, dixo que son os profesionais galegos do eido tecnolóxico-dixital os que deben recoller as necesidades que se lles expoñen e convertelas en solucións comercializábeis, desenvolvidas en Galicia pero vendidas ao mundo”. Na súa opinión, o potencial galego neste senso é enorme, e a nosa terra é “un excelente eido de probas para a tecnoloxía”, e isto malia as dificultades que achega o espallamento demográfico e a orografía da nosa paisaxe, cousas que se somos quen de superar, entón estamos en disposición de achegar solucións, tecnoloxías e innovación para calquera parte do mundo, engadiu.
Concluíu a súa intervención convidando a todos asistentes a “saír hoxe de aquí cun xermolo de idea da solución que ides pór en mercado mañá”.
Durante a xornada desenvolvéronse tamén varias actividades de networking entre administracións, empresas TIC e axentes tecnolóxicos e económicos coa finalidade de identificar necesidades e nichos de oportunidade, xerando sinerxías entre todos os axentes implicados. Realizáronse dúas mesas coloquio. A primeira, Necesidades da Administración Local nas Smart Cities, moderada pola directora xeral de INEO, Lucía Gregorio, estivo integrada por representantes dos concellos de Tomiño, Lalín, Monforte de Lemos e a eurocidade Chaves-Verín, que participaron en proxectos smart liderados pola asociación empresarial TIC, e serviu para definir cales son as principais necesidades e demandas comúns aos concellos galegos neste ámbito, como a integración e posta en marcha de ferramentas de tramitación electrónica ou facer a eAdministración máis próxima ao cidadán.
Na segunda mesa, Tecnoloxías existentes para a e-Administración e Participación Pública, moderada pola directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo, Edita de Lorenzo, participaron cinco empresas socias de INEO con experiencia na materia adquirida grazas á súa participación en proxectos smart en colaboración con administracións locais. Estas empresas amosaron distintas soluciones TIC que poden ofrecen grandes posibilidades de mellora da eficiencia e sustentabilidade aos concellos galegos.

PUBLICIDADE