Prosegue nos concellos da Coruña a xira da mostra dixital Experiencia Europa

martes, 9 de abril do 2024 S. P.

A oficina Europe Direct A Coruña (Deputación da Coruña) organiza esta tempada unha iniciativa itinerante para amosar á cidadanía e ás entidades locais a realidade da transformación tecnolóxica na que está mergullada a UE: Experiencia Europa. Este proxecto forma parte dun amplo programa de actividades para público en xeral impulsado pola dita oficina que inclúe tamén obradoiros de relatos orais (Coñece Europa con Kalopsia) ou espectáculos de ilusionismo (A Maxia de Europa).
Volvendo a Experiencia Europa, desenvólvese nos concellos adheridos á rede Europa no teu Concello e presenta o seguinte calendario de visitas:
Valdoviño: Do 22 de xaneiro ao 19 de febreiro de 2024
Carral: Do 19 de febreiro ao 18 de marzo de 2024
Dumbría: Do 18 de marzo ao 15 de abril de 2024
Porto do Son: Do 15 de abril ao 13 de maio de 2024
Negreira: Do 13 de maio ao 10 de xuño de 2024
Pontedeume: Do 10 de xuño ao 10 de xullo de 2024
Biblioteca Provincial: Do 10 de xullo ao 9 de setembro de 2024
Vimianzo: Do 9 de setembro ao 7 de outubro de 2024
Frades: Do 7 ao 28 de outubro de 2024
Experiencia Europa é unha exposición itinerante que os municipios da provincia, especialmente os rurais, poderán acoller co obxectivo de facer partícipe a toda a cidadanía da relevancia da transición dixital en Europa.
Os visitantes aprenderán, utilizando modernos dispositivos multimedia, como funciona a Unión Europea e como inflúe na súa vida diaria. A mostra ofrece tamén un espazo interactivo no que os cidadáns terán a oportunidade de achegar a súa opinión ao estudo sobre cales son os principais retos da Unión Europea.
Obxectivos
-Dar a coñecer a relevancia da transición dixital en Europa e a participación de toda a cidadanía nesa transición co desenvolvemento de habilidades dixitais para participar activamente na sociedade do futuro.
-Achegar contidos sobre o funcionamento das institucións europeas á cidadanía da provincia, ofrecendo aos veciños a oportunidade de participaren e expresaren a súa opinión no debate europeo.
-Promover unha experiencia dixital que dinamice a información europea e potencie os produtos dixitais do centro Europe Direct A Coruña, dando a coñecer os seus servizos.
-Descentralizar as actividades do centro Europe Direct A Coruña a nivel provincial, para achegar a información europea a todo tipo de público, tanto no ámbito urbano como rural.
Transición dixital
A transición dixital en Europa é o eixo central da exposición, que poderá experimentarse a través de dispositivos multimedia con pantallas táctiles. Desde eles, os visitantes poden acceder ao Espazo Europa, unha contorna virtual que mestura 3D e 4D no que se poden explorar os símbolos e valores da UE, así como a importancia da cultura e a ciencia. Tamén haberá un espazo dedicado a descubrir o Parlamento Europeo, a través de vídeos, xogos e outros medios.
A experiencia continúa na área Aprende, visita, xoga e participa, cun apartado dedicado ao coñecemento da Intelixencia Artificial, na que a Unión Europea é pioneira na súa regulación, así como visitas virtuais a institucións europeas e xogos educativos para todas as idades.
Experiencia Europa ofrece tamén un recuncho interactivo onde os cidadáns e as cidadás terán a oportunidade de achegar a súa opinión a un estudo provincial sobre os principais retos para o futuro da Unión Europea. O público poderá levar como recordo da súa experiencia unha fotografía xerada por un sistema de IA que sitúa ao usuario en diferentes espazos.
A exposición complétase cunha mostra de vídeos producidos por Europe Direct A Coruña e que proporcionan “información tanto xeneral como especializada sobre as oportunidades de participación e formación que ofrece a Unión Europea a diferentes públicos”.

PUBLICIDADE