Protección Civil de Santiago estrea páxina web e unha aplicación interna

venres, 5 de febreiro do 2021 S. P.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago vén de pór en marcha dúas destacadas iniciativas tecnolóxicas: unha páxina web que pon en valor o traballo da entidade e unha aplicación interna que mellora a súa organización (facilitando e axilizando a xestión dos dispositivos, entre outras funcións). Os responsábeis destas dúas novidades acabadas de estrear foron dous voluntarios da agrupación, Diego Barreiro e Patricia Otero, enxeñeiros informáticos de formación. Presentáronas en rolda de prensa, acompañados polo concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños.
A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Santiago conta cunha nova páxina web na que se pode atopar “múltiple información sobre a propia agrupación e sobre as actividades que desempeña ao longo do ano, os tipos de intervención na que participan ou os recursos dos que dispoñen”, explicaron.
Gonzalo Muiños agradeceu a Diego Barreiro e a Patricia Otero o labor realizado, “de xeito voluntario e altruísta”, que "”axiliza enormemente o traballo da agrupación e facilita a distribución dos voluntarios”. E engadiu: “Para min é un auténtico luxo e é un orgullo ser o responsábel deste servizo que pon á disposición dos demais o seu tempo e colabora en todo aquilo para o que se lles require”.
A nova web conta tamén cun apartado de comunicación, onde se poden visualizar as imaxes de diferentes operativos e dende onde se poden descargar en formato PDF as memorias anuais de anos anteriores con todo o detalle dos operativos levados a cabo.
Ademais da web dispoñíbel para a cidadanía, as voluntarias e voluntarios de Protección Civil teñen acceso a unha aplicación interna de xestión onde, previa autenticación con usuario e contrasinal, pode consultar os operativos. Deste xeito, cada voluntario poderá ver todos os operativos que están activos nese intre e apuntarse aos que queira segundo a súa dispoñibilidade. Na páxina principal pode ver un listado con todos eles así como o seu estado (aberto a novas inscricións ou xa co tope de voluntarios cuberto), e a hora na que hai que estar en base. Para máis datos pódese pinchar en cada un deles e ver todos os detalles do mesmo.
Na rolda salientouse que “tanto a xefa da agrupación coma o secretario teñen permisos especiais para poder dar de alta novos operativos ou modificar os existentes, chegando avisos telefónicos a través de Telegram a todos os voluntarios”.
Asemade, asignan a coordinación dos operativos e revisan os informes.
Conta ademais cun apartado de xestión de vehículos, no que se poden ver todos aqueles que están dados de alta actualmente na agrupación.

PUBLICIDADE