Proxectos fin de carreira, con premio

venres, 4 de decembro do 2009 Raquel Noya

Os estudantes das ramas de Informática e de Telecomunicacións das universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal non poderán, dende hoxe, poñer excusas baratas para non rematar os seus proxectos fin de carreira ao acabar os estudos e deixalos para o último momento como fixemos a maioría dos universitarios con ganas de “vivir un ano sabático”, xa que Expourense bríndalles unha ocasión única, coa convocatoria do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, que vén de anunciar.
Trátase dunha iniciativa que esta entidade organiza en colaboración coas tres universidades galegas e que premiará ao mellor proxecto fin de carreira feito por estudantes de Informática e de Telecomunicacións de calquera das devanditas universidades, con premios de ata 1.250 euros.
Os traballos deberán presentarse no rexistro de Expourense antes das 13.00 horas do vindeiro 16 de decembro e o xurado reunirase o día 17 de decembro para facer público o resultado do concurso, logo de que os finalistas expoñan os seus proxectos nun tempo máximo de dez minutos.
Para a concesión dos premios o xurado vai ter en conta dous factores fundamentais: se existe desenvolvemento de software libre e a orientación do proxecto cara a innovación empresarial. Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense, subliña asemade outras dúas cualidades importantes: “o grao de excelencia académica e a aplicabilidade dos proxectos”.
Barreiro fai fincapé na importancia do certame para dar a coñecer o traballo dos alumnos no entorno empresarial, e segundo explica, “este tipo de certames permiten que os empresarios de Galicia e do norte de Portugal vexan a calidade dos traballos que poden desenvolver estudantes que son xa case profesionais”.
O concurso tamén se convoca coa finalidade de estimular a capacidade innovadora do alumnado para desenvolver proxectos cunha visión empresarial, un aspecto no que fai especial fincapé Enrique Barreiro.
O certame conta con dúas modalidades: Grao Superior, para as titulacións superiores, dotado con 1.250 euros para o primeiro premio; 700 para o segundo e 300 para o terceiro. E o Grao Medio, para as titulacións técnicas, dotado con 1.000, 500 e 200 euros para o primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente.

PUBLICIDADE