Publican a listaxe de xogos dispoñibles en PlayStation Plus en abril

martes, 31 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Os subscritores de PlayStation Plus contarán con novos xogos dispoñibles sen custo adicional para as súas consolas de Sony a partires do vindeiro 8 de abril, e parece que estes xogos manteñen a súa tónica habitual de perfil baixo, en contraste coa forza que ten nos últimos meses a oferta equivalente de Microsoft. Desta volta os xogadores de PlayStation 4 recibirán o shooter en primeira persoa Tower of Gun e o curioso xogo de quebracabezas de plataformas Never Alone (Kisima Ingitchuna), destacando o primeiro destes títulos por poder xogarse tamén na PlayStation 3, como Aaru’s Awakening, outro dos títulos independentes e pouco coñecidos que chegarán este mes.
O único xogo realmente importante de abril sería Dishonored, un título para PS3 que realmente foi moi ben acollido polo público e pola crítica (recibiu un 89 sobre 100 en Metacritic), aínda que tamén é salientable que os usuarios de PS Vita poderan facerse con Killzone Mercenary e MonsterBag, o que agradará aos seareiros da franquía Killzone que conten cunha das consolas portátiles de Sony.

Dishonored é o xogo máis destacable en PS Plus no mes de abril

PUBLICIDADE