Pulo ao emprendemento en Vigo, da man das dúas principais organizacións empresariais

mércores, 21 de marzo do 2012 Raquel Noya

A Delegada do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, comandante dunha entidade que ten como obxectivo primordial fomentar a innovación e o tecido produtivo na cidade olívica, vén de asinar un acordo de colaboración coa Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia, outra entidade con delegación en Vigo, interesada na promoción e defensa dos intereses profesionais dos empresarios e emprendedores asociados, por certo, que suman máis de 200 a día de hoxe.
O acordo asinado entre ambas partes, abre unha liña de colaboración para apoiar a posta en marcha de proxectos empresariais que desenvolvan e teñan a súa actividade na área de Vigo, promovendo así o emprego, e dándolle pulo ás iniciativas innovadoras que potencien a economía da zona.
A presidenta de AJE Galicia, Patricia González, aproveitou a xuntanza para expoñerlle a Pedrosa a inminente celebración do V Congreso de Jóvenes Empresarios de Galicia, que terá lugar en Vigo os días 26, 27 e 28 do vindeiro mes de xuño.
Segundo afirmou, esta quinta edición, na que participará tamén o Consorcio, “servirá de punto de encontro para máis de 350 empresarios de España e Portugal”, “os que atoparán no congreso un espazo común sobre o que analizar, debater e aportar posibles vías de solución ás dificultades coas que se atopan cada día empresarios e emprendedores”, engadiu.

PUBLICIDADE