Pulo ás infraestruturas tecnolóxicas da Universidade de Vigo con 2,5 millóns de novos fondos

luns, 19 de decembro do 2011 Redacción

O novo CACTI atópase en proceso de construción

A Universidade de Vigo informou a semana pasada dunha nova captación de recursos para darlle forma e impulso ás súas infraestruturas científico-tecnolóxicas. Máis en detalle, estamos a falar de 2,5 millóns de euros, a recibir a través de convocatorias do Ministerio de Ciencia e Innovación e que, entre outras cousas, servirán para adquirir equipamento destinado ao animalario, á ECIMAT, o CACTI e AtlantTIC. Ao fío destes recursos, a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, amosou a súa satisfacción pola captación destes fondos, e máis tendo en conta certas circunstancias adversas para a concorrencia das institucións de toda índole nas axudas, como o nivel de competencia habitual nestas convocatorias ou a conxuntura económica actual.
Dos algo máis de 2,5 millóns de euros acadados pola Universidade nas convocatorias do Ministerio de Ciencia e Innovación o 67% do importe total procede de proxectos de infraestruturas científico-tecnolóxicas cofinanciados polo FEDER, mentres que o 33% restante chega a través de axudas do subprograma de actuacións científico-tecnolóxicas nos parques científicos e tecnolóxicos INNPLANTA. Do total de 1.721.175 de euros acadados na convocatoria de infraestruturas FEDER, preto de 1 millón destinarase ao equipamento básico para o animalario da Universidade de Vigo. “Inclúe todo o sistema de gaiolas, sistema de lavado e alimentación de animais, sistemas de esterilización, planta de tratamento de augas, sistema de biocontención (cabinas de desinfección, duchas, portas automáticas), así como equipos de estabulación e illamento ou sistemas de tratamento e dispensado de labras”, detalla Asunción Longo.
AtlantTIC, engade a Universidade, poderá dispor de unha plataforma TIC avanzada por importe de 424.000 euros destinado á investigación en Tecnoloxías da Información e que inclúe, entre outras dotacións: plataforma de estudo de vídeo IP sobre redes sen fíos, analizador vectorial de redes a frecuencia de terahercios ou sistema de desenvolvemento para procesado de alto rendemento de sinais de comunicacións.
No caso da ECIMAT os máis de 105.000 euros concedidos destinaranse a unha embarcación intraborda de arredor de 8 m. de eslora, modificada para mostraxes en investigación mariña, equipada con sistema eléctrico con capacidade e autonomía axeitadas, adaptación para instalación de ecosondas, cabina de traballo e equipos de investigación, entre outras dotacións.
Por último os case 214.000 euros concedidos ao CACTI destinaranse a equipamento para caracterización de compostos e materiais, incluíndo equipos de difracción de raios X monocristal, un analizador isotópico de auga e un perfilómetro mecánico para análise de superficies.

PUBLICIDADE