Que papel xoga Internet nas nosas vidas?

mércores, 27 de abril do 2011 Raquel Noya

Internet é como esa parella a que nunca lle decimos o moito que a aprezamos malia que seriamos perdidiños se nos abandoara, ou ese fiel amigo que fai todo o habido e por haber por nós e só nos damos conta cando nos falta. É dicir, está aí, e usámola a cotío para case todo porén só aprezamos a súa utilidade cando nos falta.
A rede de blogs Ocio Networks, cavilou nesta mesma premisa, e para coñecer de primeira man o verdadeiro valor que que a comunidade internauta lle dá a Internet, fixo un estudo a partir da entrevista a 1.875 internautas.
Do Estudo Hábitos de Internet, elaborado por segundo ano consecutivo por esta firma, extráese que a meirande parte dos usuarios (o 93 por cento) considera que a Rede “lles axuda a estar mellor informados”, o que supón un crecemento sensible respecto do resultado do pasado ano, cando esta porcentaxe era do 90,6%.
Tamén é moi alta a cantidade de usuarios que pensan que Internet lles axuda a formarse (o 90 por cento) e un 62 por cento cren que lles axuda nas súas relacións sociais.
O traballo aporta asemade outros datos significativos, como que o 72,3 por cento dos usuarios considera que a Rede é aditiva, 5 puntos porcentuais máis que o ano pasado, ou que é imprescindible para o seu traballo (75,1 por cento).
Xa que logo, o estudo é rotundo á hora de establecer o grao de dependencia que temos de Internet no noso día a día e neste senso, oito de cada dez internautas “está bastante ou totalmente dacordo coa afirmación de que Internet é un medio imprescindible”.
Porén, como era de imaxinar, existen pequenas diferencias de apreciación no papel que desempeña a Rede diariamente en función dos hábitos dos usuarios. Deste xeito, entre os usuarios de redes sociais percíbese Internet “como un medio aditivo” nun 73,3 por cento dos casos fronte a un 67,3 de non usuarios de redes sociais que o cre.
Tamén os usuarios de redes sociais cren en maior medida que Internet lles axuda a relacionarse e a establecer relacións sociais a cotío.

PUBLICIDADE