R actualizará as súas velocidades de acceso á Rede en 2010

martes, 29 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Imaxe dunha presentación anterior da conexión a 100 Mbps de R

Dende o blog oficial de R advirten que dende a área de clientes da web da compañía de cable galega está xa dispoñible información sobre a mellora do acceso á Rede que terán os seus usuarios «ao longo de 2010», concretando que agardan que estas melloras sexan unha realidade a partires do 30 de xaneiro.
O incremento de velocidade nas conexións de R será moderado nas velocidades de descarga, pero notable nas velocidades de subida, facilitando así a publicación de contidos na Internet, de xeito que as actuais conexións da 3 Mbps e 2 Mbps pasarían a 6 Mbps/600 Kbps, as de 6 Mbps/300 Kbps actualizaríanse a 10 Mbps/1 Mbps e as de 12 Mbps pasarían a 15 Mbps/1,5 Mbps.
Esta medida completaría o incremento da velocidade de subida das conexións de 30 e 100 MBps, que pasaron de 1 a 3 Mbps e de 3 a 5 Mbps respectivamente, e con este cambio nas conexións a compañía galega estaría a ofrecer unha das conexións domésticas con maior velocidade de subida do Estado.

PUBLICIDADE