R aposta en Celanova pola comunicación en galego para seguirmos sendo singulares nun mundo globalizado

luns, 9 de setembro do 2013 Redacción

Os participantes na entrega do recoñecemento a R, este domingo en Celanova

Finalmente, R xa ten un novo recoñecemento polo seu labor de promoción da lingua e a cultura galega, e co engadido de que o premio en cuestión vén dunha entidade representativa da lingua e a cultura galega: a Fundación Curros Enríquez. O galardón Celanova, casa dos poetas entregóuselle á operadora esta fin de semana, dándose a circunstancia de que se trata da primeira que unha empresa é obxecto desta prestixiosa distinción. O acto contou coa presenza dos responsábeis da entidade con sede en Celanova (sendo o mantedor o profesor Felipe Ferreiro, patrón da Fundación), da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, e do conselleiro delegado de R, Arturo Dopico. A xeira deu comezo ao medido cunha ofrenda floral diante do monumento de Celso Emilio (co gallo do seu 34 cabodano) e un recital de poemas de Celso Emilio e Curros Enríquez a cargo dos alumnos do obradoiro de teatro de Celanova, Juan Manuel Villar e Nacho Núñez.
O acto estivo amenizado coa intervención do grupo de gaitas do Concello de Celanova. Máis tarde, as actividades trasladáronse ao Auditorio de Celanova, onde Arturo Dopico tivo oportunidade de agradecer a distinción e explicar o porqué da aposta da compañía de telecomunicacións R pola lingua do pobo do que xurdiu e ao que achega servizos tecnolóxicos. Ao seu xuízo, o compromiso da compañía co galego ten amosado en repetidas ocasións firmeza e autenticidade, a fin de contas, sinalou, R sempre tivo a crenza de que o uso do galego nas novas tecnoloxías tiña que ser, por forza, “algo natural”. Dopico fixo saber que “cómpre pensar en galego para ser singulares nun mundo cada vez máis globalizado”.
Dopico e a empresa que representa recibiron unha medalla de prata coa imaxe da fachada da casa e as letras “C” (Celanova, Casa, Celso, Curros e Castor, de Castor Elices) da autoría de Acisclo Manzano e un gravado realizado por Baldo Ramos. Tal e como recolleu a acta de concesión do premio, con este acto o Padroado da Fundación Curros Enríquez quere recoñecer o compromiso que dende a súa fundación, no ano 1998, “R ten mantido co noso idioma, coa nosa cultura e coa nosa terra, desexando lanzar con este recoñecemento unha mensaxe de futuro para a nosa lingua, por entender que Galicia e o galego poden e deben ser ferramentas válidas a tódolos efectos no complexo ámbito da enxeñería das comunicacións e na inmensa rede da globalización”.

PUBLICIDADE