R estrea Rede ultrarrápida nos polígonos de Guitiriz, Monterroso e Palas de Rei

venres, 23 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Vista aérea do polígono de Guitiriz, en Lugo

Continúa facendo despregues o Plan de Banda Larga da Xunta, do que a firma R é adxudicataria, para introducir redes ultrarrápidas nos polígonos que non contan con elas. Entre as conrtornas industriais onde se veñen de estrear este mes de novembro os novos equipamentos de FTTH (Fiber To The Home) figuran os de Guitiriz, Monterroso e Palas de Rei, todos na provincia de Lugo, o que implica que máis de 60 empresas das ditas contornas industriais dispoñen xa de acceso a Internet con velocidades de até 350 Mpbs.
Segundo informa R, estas mesmas tecnoloxías chegaron tamén (previamente) a unha ducia de superficies fabrís luguesas: a área empresarial de Carral (Begonte) e os parques de Lourenzá, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Ribadeo, Chantada, A Louzaneta (Lugo), Porto Seco e Reboredo (Monforte de Lemos) e O Morelle e San Xulián da Veiga (Sarria). Logo do despregue levado a cabo pola operadora, estas contornas están xa conectadas a redes ultrarrápidas de Internet, de xeito que son 14 os polígonos lugueses beneficiados polo Plan dende que comezaron as actuacións en 2016.
A operadora R, amais do devandito parte informativo, tamén lembrou que os polígonos acabados de de beneficiar poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de até 350 Mbps de baixada e 35 de suba, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
R recordou tamén que, en virtude dos ditos equipamentos, pon a disposición das empresas dos polígonos “a tecnoloxía precisa para acometer a súa transformación dixital”. Ou sexa, servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explicou a compañía de raizame galega, “son posíbeis grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
Prazos e orzamento
O Plan xa completou o despregue en 81 polígonos da Comunidade. En conclusión, en 2018 un total de 130 polígonos (concentrando case o 93% da superficie empresarial ocupada) disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. Estes despregues supoñen un investimento total de 5,2 millóns de euros, dos que 3,4 son subvencionados pola AMTEGA e co-financiados ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Plan de Banda Larga de Galicia 2020
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020, aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.

PUBLICIDADE