R explica os detalles de Smart City Coruña, proxecto aberto xa á colaboración da comunidade

venres, 2 de agosto do 2013 Redacción

Smart City Coruña é un proxecto ao que lle saen cada vez máis valedores. Entre a carteira de impulsores temos ao propio Concello local e a unha alianza empresarial formada por Indra, Altia, Ilux e o operador R. Ademais, recentemente soubemos do compromiso do centro Gradiant para achegar tecnoloxía e experiencia no camiño de fortalecer o proxecto, ao que cómpre engadir os importantes acordos asinados coa Universidade da Coruña, o centro CITIC e máis a firma Everis. A iniciativa, como lembraremos destinada a converter Coruña nunha cidade dixital á par que intelixente (e polo tanto accesíbel para todas e todos, conectada, sustentábel e optimizada na xestión), foi presentada a finais de xuño no MUNCYT, onde se deron a coñecer obxectivos e finalidades que agora nos volve recordar unha das empresas directamente implicadas: R. Para o operador, estamos ante unha boa oportunidade de dar exemplo cunha cidade, A Coruña do futuro próximo, máis avanzada, moderna, habitábel e sostible a tódolos niveis.
En termos máis concretos, informa R, será un espazo urbano eficiente e que será quen de aforrar enerxía e recursos, unha cidade na que cada habitante exercerá en boa medida de sensor máis dunha plataforma tecnolóxica á que lle vai poder achegar informacións sobre posíbeis anomalías nalgún servizo público de xeito inmediato. E poderá facelo, por exemplo, a través do teléfono intelixente de seu. Nesta primeira fase de posta en marcha do proxecto, informa R, aínda están por definir certos enfoques, labor no que xa poden colaborar os futuros integrantes deste espazo urbano intelixente. Neste senso, o operador abriu xa unha canle de diálogo cos internautas (a través do blog de seu) para saber de primeira man as súas opinións para acadar unha urbe o mellor equipada e xestionada posíbel.
Como lembraremos, o Concello da Coruña seleccionou á UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por R, Indra, Altia e Ilux para converter a cidade herculina nun lugar máis intelixente e nun acubillo de información sempre dispoñíbel e integral. A xuízo do operador galego, esta intención de transversalidade que implica a todos os servizos públicos urbanos é, por así dicilo, un dos grandes compoñentes diferenciais do proxecto. Servizos como por exemplo a xestión do ciclo da auga, o control do ruído, un sistema de rego intelixente, a eficiencia enerxética en edificios públicos ou temas de mobilidade, administración electrónica e información do cidadán. Dende R, entre outras cousas, porase a disposición da iniciativa a rede de fibra óptica de seu (que cobre arestora o 97% dos fogares e empresas da Coruña) posibilitándose a recollida de datos grazas aos máis de 2.200 puntos de conexión de sensores despregados por toda a cidade. Asemade, unha boa parte do tecido da Smart City apoiarase no uso integral dos teléfonos móbiles, aparellos que xa permiten (e permitirán aínda máis) que interactuemos en moitos eidos da vida pública.
O proxecto, engade a compañía, estrutúrase en dúas fases: a primeira, que implica a construción da plataforma tecnolóxica para poder compartir a información, e unha segunda na que se constrúen os pilotos verticais devanditos (iluminación, rego, mobilidade, etc...). “A idea”, explica R, “é que poidamos ver moito de todo isto ao longo do ano que vén”.

PUBLICIDADE