R incorpora á súa nova rede de fibra óptica 300 novos inmóbeis de Nigrán

xoves, 24 de marzo do 2022 S. P.

Medra a comunidade de inmóbeis de Nigrán con posibilidade de conectarse á rede de nova xeración de R. En concreto, sumáronse a este colectivo os núcleos do Quinteiro, Lugar do Monte, Albores, As Medoñas e O Carballal, achegando 300 novos inmóbeis conectados que xa poden dispor de accesos ultrarrápidos a Internet de ata 10 GB simétricos e gozar, en palabras da operadora de orixe galega, “dos servizos máis avanzados de telecomunicacións do mercado”. A incorporación deste núcleos foi posíbel grazas á despregadura de nova rede de fibra que o operador galego está a levar a cabo nas catro provincias de Galicia dende a primavera de 2021.
O operador galego xa acometera en Nigrán outras despregaduras previas das súas redes nos núcleos do Carregal, Lugar do Monte, Albores-Pequeño, As Medoñas, Barxa, Barcalleira, Ceán ou Carballeira onde se conectaran en total ás redes avanzadas de R arredor dun milleiro de vivendas e empresas deste concello da ría de Vigo.
Cando rematen os traballos enmarcados no vixente Plan Avanza no que R traballa, arredor de 6.000 fogares e negocios teranse unido xa á rede de fibra óptica no concello de Nigrán, pois aos conectados na contorna do Plan Avanza haberá que lles sumar os activados a raíz doutros desenvolvementos de rede que R vén realizando no municipio dende hai anos.
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuñan de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No desenvolvemento do tres plans investirase un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, as despregaduras de Nigrán enmárcanse no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 196 núcleos de municipios do suroeste de Galicia (Pontevedra). Os traballos nestas zonas suporán un investimento total de 3,75M€.

PUBLICIDADE