R incorpora máis dun cento de inmóbeis de Gruncheiras (Cangas) á súa nova rede de fibra ultrarrápida

martes, 21 de decembro do 2021 S. P.

R vén de facer balance dos seus traballos para estender no concello de Cangas do Morrazo a fibra óptica FTTH e a Internet de alta velocidade. Segundo informou a operadora, até 105 novos inmóbeis do núcleo de Gruncheiras veñen de incorporarase aos núcleos que xa contan con accesos ultrarrápidos a Internet de até 10 Gbps simétricos (de suba e de baixada) e “gozar dos servizos máis avanzados de telecomunicacións do mercado”, en palabras da compañía, que salienta que estes traballos forman parte da nova fase de despregadura que leva a cabo nas catro provincias galegas dende a pasada primavera.
Os labores en Gruncheiras únense ás tarefas previas de fornecemento de fibra en Boubeta, Herbello e Gandón, nos que se conectaron ás redes avanzadas de R outro cento de vivendas e empresas deste concello da Ría de Vigo.
Ao remate dos traballos enmarcados no vixente Plan Avanza no que R traballa arestora, 951 fogares e negocios teranse unido á nova rede de fibra en Cangas, aos que lles hai que sumar os incorporados noutras accións de despregadura, co que o municipio do Morrazo contará deseguido cun total de máis de 8.000 inmóbeis preparados para recibir os servizos avanzados de telecomunicacións de R.
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuñan de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No desenvolvemento do tres plans investirase un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, as despregaduras de Cangas enmárcanse no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 162 núcleos do centro oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo).

PUBLICIDADE