R lanza un servizo para axudar ás empresas na obtención de axudas tecnolóxicas

martes, 3 de novembro do 2020 S. P.

A operadora R está a impulsar un programa que vai alén de dotar ás empresas con tecnoloxías para favorecer o seu día a día dixital e transformador: trátase de axudalas a obter axudas tecnolóxicas. O programa en cuestión vén da man do equipo de R Empresas e consiste nun labor de asesoramento ao servizo das firmas da nosa terra para achandarlles o terreo no que a procura de axudas e incentivos se refire: axudas e incentivos cos que dar forma aos seus proxectos.
Segundo explica a operadora, “trátase dun servizo integral que vai dende a procura ata a xestión e o acompañamento na tramitación de subvencións públicas e apoios tecnolóxicos que xorden decote dende distintas entidades e administracións”.
A compañía de telecomunicacións lembra que o Programa de Aproveitamento de Axudas Tecnolóxicas xurdiu do labor de escoita que realizan as e os profesionais de R Empresas nas súas visitas ás compañías clientes e no seu seguimento. Froito dese labor detectaron, en gran parte de responsables empresariais, o descoñecemento de que os seus investimentos en tecnoloxías poden recibir axudas de distintos organismos. “A necesidade de estar ao día das axudas tecnolóxicas e subvencións que puidesen aplicar ás súas empresas é un aspecto moitas veces esquecido, ao que se xuntan outros problemas como son as dificultades para facer seguimento das convocatorias, así como a ausencia de recursos para realizar as tarefas administrativas que levan consigo”, explica R, poñendo o foco nunha das características esenciais do novo servizo: realizar as funcións que as pemes, por si soas, non poden cubrir.
O programa baséase nun acompañamento integral durante todo o proceso, dende a formulación do proxecto e a súa aplicación até a obtención e xustificación da subvención.
Para iso, os xestores de R Empresas estudan cada caso e seleccionan as subvencións, tanto as que xorden dende os concellos e deputacións como dende a administración autonómica ou institucións estatais, e elixen as que mellor se adaptarían á natureza do proxecto e ás necesidades da empresa cliente, cun obxectivo claro: “Maximizar o aproveitamento das axudas dispoñíbeis en beneficio do cliente”. A continuación, o servizo a empresas expón a redacción de todos os documentos necesarios para presentar a solicitude, incluíndo a memoria técnica e a memoria económica do proxecto.
O programa tamén cubre o inventariado da documentación para xustificar a subvención, así como elaborar as memorias finais, como un paso máis dentro do proxecto.

PUBLICIDADE