R leva fibra de alta velocidade aos parques empresariais de Moraña

mércores, 19 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

Segue adiante o abastecemento de infraestruturas tecnolóxicas do Plan de Banda Larga da Xunta, do que a firma R é adxudicataria, destinados a implantar redes ultrarrápidas nos polígonos que non dispoñen delas. Entre as contornas industriais onde se veñen de estrear este mes de decembro os novos equipamentos de FTTH (Fiber To The Home) figuran os parques empresariais de Afieiras e Mirallo, os dous no concello de Moraña (Pontevedra), o que implica que unha vintena de empresas das ditas contornas industriais dispoñen xa de acceso a Internet con velocidades de até 350 Mpbs.
Segundo informa R, estas mesmas tecnoloxías chegaron tamén (previamente) ás seguintes superficies empresariais pontevedresas: os recintos de Bueu, Caldas de Reis (Arcos da Condesa, Veigas de Almorzar e Forbesa), Cambados-Ribadumia (polígono do Salnés), A Estrada, O Grove, Meis (As Covas e Vilanoviña), Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Silleda, Tui, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa (O Pousadoiro e Bamio), Vilanova de Arousa (Área Loxística de Baión e polígono de Tremoedo), Cangas, Meaño, Lalín, Agolada, A Cañiza e Salvaterra de Miño.
A operadora R tamén lembra que os polígonos acabados de de beneficiar poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de até 350 Mbps de baixada e 35 de suba, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
R recorda tamén que, en virtude dos ditos equipamentos, pon a disposición das empresas dos polígonos “a tecnoloxía precisa para acometer a súa transformación dixital”. Ou sexa, servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explicou a compañía de raizame galega, “son posíbeis grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
Prazos e orzamento
O Plan xa completou o despregue en 81 polígonos da Comunidade. En conclusión, en 2018 un total de 130 polígonos (concentrando case o 93% da superficie empresarial ocupada) disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. Estes despregues supoñen un investimento total de 5,2 millóns de euros, dos que 3,4 son subvencionados pola AMTEGA e co-financiados ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

PUBLICIDADE