R remata o ano ofrecendo servizos de transformación para pemes

xoves, 30 de decembro do 2021 S. P.

A empresa de telecomunicacións R, agora integrada no grupo Masmovil, vai rematar o ano cunha importante novidade nos seus servizos: ofrecendo aos seus clientes de empresas un amplo abano de servizos de dixitalización e recursos para tramitar axudas do Goberno e implantar servizos. Faino ao abeiro da iniciativa estatal Kit Dixital.
O Kit Dixital é unha medida do Goberno central para impulsar a transformación das pequenas e medianas empresas. Faino mediante axudas en forma de bonos de até 12.000 euros. O obxectivo de R é converterse “no axente dixitalizador que empreste asistencia ás empresas solicitantes durante todo o proceso”.
Para este lanzamento, a compañía recoñece contar “con importantes alianzas estratéxicas que van desde acordos con grandes empresas e partners de referencia”, ao que se engaden acordos con pemes nacionais e locais. “O noso principal aspecto diferencial”, explican fontes da operadora, “é a sensibilidade cara ás pequenas e medianas empresas e as súas necesidades máis aló da propia dixitalización”. Desta maneira, a firma comprométese a empregar todos os seus recursos para acompañar e asesorar ás pequenas e medianas empresas “de forma que estas poidan contar con solucións áxiles e sinxelas”.
Para o devandito obxectivo, R ofrecerá apoio e asesoramento ás empresas que soliciten o bono dixital a través de múltiples solucións dixitais, que se poderán implementar mediante melloras no sitio web e na seguridade das comunicacións, como tamén coa consolidación da presenza dixital, coa innovación en correo electrónico, coa xestión de redes sociais e de clientes, co desenvolvemento de tecnoloxías de business intelligence e analítica, coa xestión de procesos, coa factura electrónica, cos servizos e ferramentas de oficinas virtual, e coa ciberseguridade.

PUBLICIDADE