R rematou ano impulsando partys informáticas, xiras formativas e unha aceleradora de startups

xoves, 3 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A operadora galega R pechou ano mostrando algúns dos seus principais froitos tecnolóxicos e empresariais colleitados ao longo dos 12 meses que vimos de deixar atrás. O balance, como sinalamos onte en Código Cero, puxo o foco en logros como o de ter levado a súa fibra avanzada a oito concellos máis da nosa terra (Abegondo, Cerceda, Cuntis, Lourenzá, Barreiros, Palas de Rei, Monterroso ou Muros), ou o feito de ter conseguido cubrir 81 dos nosos polígonos cos seus accesos á Rede de alta velocidade. O informe non se esgotou aí, xa que ten vertentes relevantes no eido da cultura. Neste eido, R colaborou en festivais, multitudinarias quedadas informáticas e xiras maker. Tamén fixo posíbel a posta en marcha dunha aceleradora de startups e unha cátedra interuniversitaria en ciberseguridade.
En materia de cultura, a operadora galega colaborou este ano nunha manchea de festivas e eventos (Resurrection Fest, Fic Bueu, Primavera Cine ou Son Rías Baixas) e impulsou actividades de seu como os obradoiros Crea R e Nativos R, destinados a facernos avanzar nos nosos coñecementos de tecnoloxías, informática e robótica. Asemade, organizou a xira tecnolóxico-humorística Monólogos R (nos que deu conta dos seus vinte anos de historia e das cousas dixitais que aconteceron ao longo desas dúas décadas) e forneceu de infraestrutura de conexión a eventos multitudinarios tan relevantes como as partys informática XGN R Encounter (Xuventude Galicia Net, agora en Silleda) e ICC Technium R Encounter (a quedada dixital de Ourense, organizada no marco da ICC Week da Deputación).
Por outra banda, R tamén impulsou a aceleradora de proxectos de contidos dixitais DiCo Challenge (un proxecto para xerar emprego e innovación, lanzada este outono pasado con cinco retos a superar polas nosas novas startups) e, xunto coas universidades de Vigo e Coruña, a operadora fixo posíbel a posta en marcha da Cátedra R de Ciberseguridade, unha iniciativa para converter a nosa terra en referente da investigación e a divulgación en materia de tecnoloxías de protección dixital. Respecto da Cátedra R, lembrar que sería a primeira cátedra interuniversitaria existente en Galicia e que o seu obxectivo concreto é promover “o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación e ampliar os coñecementos, técnicos e habilidades dos membros da comunidade universitaria e doutros profesionais”. A Cátedra R traballará nos seguintes puntos:
· Colaboración na docencia+investigación (Mestrado Interunivesitario en Ciberseguridade)
· Creación de programa de captación de talento (alumnado ambas as dúas Universidades)
· Creación de espazos para a difusión e o debate sobre ciberseguridade
· Capacitación en competencias relacionadas coa protección en liña tanto dentro da comunidade universitaria coma fóra dela, tendo en conta as necesidades competitivas das empresas.

PUBLICIDADE