R repasa as novas oportunidades de negocio que se abren coa tecnoloxía 5G

luns, 14 de decembro do 2020 Redacción

O pasado 10 decembro a operadora R celebrou unha nova sesión dos seus almorzos dixitais, desta volta centrado nas tecnoloxías 5G e nas redes de última xeración. A sesión, na que a compañía de cable logrou reunir a preto de 70 profesionais do sector, celebrouse baixo o epígrafe Comunicacións do futuro: 5G e SDWAN e xirou arredor da evolución das redes sen fíos, achegándose diferentes puntos de vista sobre a realidade concreta do dito estándar móbil nos nosos días.
Para esmiuzar estes e outros temas relacionados interviron no encontro virtual Javier Franco, responsábel de Produto e Solucións de R e do Grupo Euskaltel e máis Pedro Herbello, responsábel do produto B2B e servizos de voz de R e do Grupo.
Pedro Herbello salientou o inxente potencial da tecnoloxía 5G á hora de impulsar novos casos de uso especialmente en contornas empresariais.”As capacidades desta tecnoloxía, chamada a convivir connosco de agora en adiante, está a permitir a concepción dun ecosistema empresarial completamente diferente ao que tiñamos ata hai poucos anos”, dixo, engadindo que “a tecnoloxía 5G vai ser un importante habilitador para impulsar a dixitalización das empresas, pois permitirá actuar en escenarios onde o mínimo retardo da rede, a alta densidade de usuarios, a eficiencia enerxética ou un elevado largo de banda sexan críticos para o servizo (...) Trátase dun cambio de modelo que evoluciona parello á eclosión das redes e dos servizos na nube e que, en todo caso, require unha coordinación idónea entre os fabricantes de tecnoloxía, os operadores de telecomunicacións, as administracións e as empresas”.
No almorzo dixital puxéronse tamén sobre a mesa as vantaxes da evolución destas redes de futuro. Dunha banda, a empresa ten a propiedade e o control da infraestrutura, co que pode adaptala ás súas necesidades de configuración en virtude, por exemplo, da cobertura que precise. A velocidade da rede, así mesmo, queda garantida, pois como non se comparten recursos con ningún outro usuario, as comunicacións están sempre dispoñíbeis e dimensionadas. Por outra parte, a empresa pode cribar a información que fica na empresa e a que pode saír fóra, afianzando a seguridade dos seus datos.
Outra evolución tecnolóxica de interese para o mundo da empresa da que se falou polo miúdo no almorzo dixital foi a chamada SDWAN que permite, segundo explicou Javier Franco, “construír unha rede privada virtualizada utilizando conectividade pública ou privada, cun despregamento de rede sinxelo”. A idea -dixo- é poñer o foco nas aplicacións de negocio, utilizando as facilidades que proporciona a tecnoloxía para que as empresas, de maneira autónoma, poidan xestionar e visualizar o que ocorre na rede.

PUBLICIDADE