R xa oferta os seus servizos en Melide

mércores, 10 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Imaxe das obras de despregamento de R en Melide publicada en La Voz

Nos últimos meses o operador galego do cable R está a espallar polas vilas de Melide a súa infraestrutura para achegar os seus servizos aos habitantes deste concello coruñés, e aínda que as obras de canalización non se completarán ata finais de xaneiro de 2009, dende novembro xa se pode recibir o servizo de R en boa parte do núcleo urbano da vila (espallándose no presente mes á zona de Martín Freire, onde se instalará unha cabina telefónica da compañía).
A incorporación de Melide á rede de R supón 5 quilómetros de obra civil e o despregamento de 3,2 quilómetros de fibra óptica, para o que se prevé un investimento total de 2,61 millóns de euros a medio prazo.
As vantaxes para os melidenses con esta nova rede de telecomunicacións son evidentes, pois incrementan as súas opcións de contratación para os servizos de voz, datos e televisión rachando co monopolio exercido ata o momento por Telefónica, e permitindo aos particulares a contratación de accesos á Rede a 12 Mbps, a recepción dunhas 80 canles de televisión e incluso a posibilidade de ter chamadas de balde a teléfonos fixos e móbiles de todo o Estado (segundo o paquete de servizos contratado).

PUBLICIDADE