RIM comeza os despedimentos e perde a un dos seus principais provedores de compoñentes

xoves, 21 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Research In Motion (RIM), a compañía detrás de BlackBerry, continúa a pasar por un mal momento, que a levan a facer un axuste do seu cadro de persoal, sen detallar o número de despedimentos aos que terán que facer fronte (especúlase que entre 2.000 e 6.000 traballadores) co obxectivo de aforrar cando menos 1.000 millóns de dólares ao remate do exercicio fiscal de 2013, para o que tamén realizarán outros axustes que permitan reducir os custos operativos da compañía.
Pero as cousas non rematan aí, senón que a compañía canadense Celestica tamén anunciou esta semana que vai deixar de prover a RIM de compoñentes para a fabricación dos seus dispositivos, aínda que continuará a traballar coa empresa durante 3-6 meses para facilitar o período de transición ata que rematen os seus compromisos actuais. Esta decisión de Celestica viría provocada pola caída da demanda de terminais BlackBerry, que provocaba un incremento de inventario que prexudicaba aos resultados de Celestica, de aí que optasen por prescindir de traballar con RIM para mellorar a eficiencia do seu negocio.

PUBLICIDADE