RIM incorporará tenda de aplicación nos terminais BlackBerry

mércores, 22 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Sede de RIM

A empresa detrás dos terminais Blackberry, RIM, anunciou durante unha conferencia de desenvolvedores de aplicacións para os seus móbiles que entre outras novidades estreará os servizos BlackBerry Application Storefront e BlackBerry Application Center, que parecen querer seguir os pasos de Apple e Google na comercialización de software para dispositivos móbiles, pero con certos matices.
Así, a BlackBerry Application Storefront sería a tenda de aplicación de RIM para os dispositivos BlackBerry, que se lanzaría en marzo de 2009 e serviría para que os usuarios de todo o mundo conten cunha maior oferta de aplicacións para as súas BlackBerry, avisando aos creadores destes programas que deben contactar con RIM antes de finalizar o ano se queren que os seus produtos estean dispoñibles no día do lanzamento da tenda virtual, que podería empregar PayPal coma plataforma de pagamento.
Por outra banda o BlackBerry Application Center sería un catálogo de aplicacións elixidas por cada operadora de telefonía móbil para presentalo nos terminais dos seus clientes.

PUBLICIDADE