Radiohead revoluciona as normas do mercado discográfico co seu novo CD

mércores, 3 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

Radiohead semella que, amais de seren vangardistas nisto da música independente (nos noventa estiveron marcando as pautas artísticas do rock e da electrónica), tamén queren selo no que se refire a innovación no emprego da Web. Ou sexa, que co seu novo CD queren que a xogada sexa dobre, musical e tecnoloxicamente, aderezando todo cunhas cantas doses de desapego respecto ós intereses da gran industria. Para comezar: veñen de facer público que deixarán que sexan os seareiros mesmos os que elixan o prezo do disco, a través da Rede. Amais diso, o CD en cuestión, que se chamará In Rainbows, só se poderá obter –polo de agora- descargándoo da Internet.
Se cadra o máis salientable do paso dado por este senlleiro grupo do rock indie comandado por Thom Yorke é que dalgún xeito esnaquizan as canles tradicionais de compra usadas polas discográficas que máis ficha moven no mercado. Algo así como marcar as distancias coas majors porque devecían por facelo e porque podían facelo (se Radiohead non pode, quen pode?).
De feito, neste intre a agrupación non concorre no mercado da man de selo discográfico algún, polo menos polo de agora. O albume, que como dixemos está suxeito ó prezo que lle poñamos, estará ó alcance dun clic do noso rato a partir do vindeiro 10 de outubro. Todo isto, en contra do que se pode pensar, non vai traer un beneficio nulo para Radiohead, malia que sexa evidente que non van nadar en cartos con este tipo de iniciativas. Mais tampouco (segundo apunta Murray Chalmers, voceiro da banda) ficarán a dúas velas, posto que a maioría da xente que está a reservar o albume opta por pagar “un prezo normal”.

PUBLICIDADE