ReAcciona apoiou preto de 3.000 proxectos para mellorar a nosa competitividade

luns, 4 de xullo do 2022 S. P.

O IGAPE vén de facer balance do acadado a través do programa ReAcciona, impulsado polo instituto pertencente á Consellería de Economía co obxectivo de mellorar a competitivade das nosas empresas mediante iniciativas concretas de apoio e poñendo á súa disposición servizos de alto valor engadido (coa colaboración e asesoramento de especialistas). En concreto, ReAcciona leva prestado apoio a máis de 2.900 proxectos desde a súa posta en marcha en 2012.
En total, a través das súas diferentes edicións, o ReAcciona suma preto de 13 millóns de euros en apoios que mobilizan un investimento público-privado final de 15,5 millóns.
“Con este programa promóvese o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a dixitalización e a innovación”, informou o IGAPE, engadindo que durante estes anos puideron impulsarse na nosa terra servizos “en ámbitos moi diversos, como o relanzamento comercial, os centrados na produción e cadea loxística, ou os de análise do potencial competitivo”.
No eido da transformación dixital, as empresas solicitaron diagnósticos de Industria 4.0 e de dixitalización, ademais de solucións de xestión e mobilidade dixital e apoio na mercadotecnia.
Así mesmo, tamén se teñen impulsado servizos en innovación, para axudar ás pemes galegas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos; ou no ámbito do desenvolvemento estratéxico, a profesionalización e a dixitalización, con servizos relativos á implantación dunha estratexia dixital da empresa, á ciberseguridade ou a mercadotecnia de contidos.
De carácter eminentemente práctico, no desenvolvemento do programa teñen colaborado a Vicepresidencia Económica (a través do Instituto Galego de Promoción Económica e da Axencia Galega de Innovación, GAIN) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Lembrar que en 2020 púxose en marcha a liña específica ReAcciona COVID-19, que “permitiu cooperar coas pemes na conxuntura económica marcada pola pandemia, contribuíndo ao seu impulso e recuperación”.
Cun orzamento de 3,6 millóns, ReAcciona COVID-19 sumou cinco novos servizos que atenderon á situación económica xurdida naquel momento. As empresas galegas puideron acceder, así, a prestacións especializadas no relativo á adecuación dos estados financeiros, á transmisión ou adquisición de unidades produtivas, á análise de mercados internacionais, á elaboración de plans estratéxicos de internacionalización e á implementación de procesos acordes á economía circular.

PUBLICIDADE